A XUNTA INVISTE MÁIS DE 50.000 EUROS EN ACTIVIDADES FORMATIVAS PARA PERSOAL MÉDICO CO OBXECTO DE OPTIMIZAR A XESTIÓN DAS INCAPACIDADES TEMPORAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 09 2023
 

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Acordo polo que se autoriza a sinatura dun convenio entre a Consellería de Sanidade, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), e a Universidade de Alcalá, para a realización dun curso de incapacidade temporal para médicos asistenciais. O convenio ten por obxecto artellar as condicións de colaboración entre as partes para a posta en marcha da actividade formativa virtual na modalidade on line denominada “Certificado de formación permanente en Incapacidade Temporal para médicos asistenciais”.

O importe total das actuacións para a Consellería de Sanidade, tendo en conta os custos da actividade formativa, ascende a 50.584 euros, sendo o investimento en cada unha das edicións do curso, un total de tres, de 16.861 euros.

Esta iniciativa pretende perfeccionar a formación dun total de 51 médicos do Sergas tanto do ámbito de atención primaria, de maneira prioritaria, así como doutros médicos especialistas xestores da prestación sanitaria de incapacidade temporal, para, deste xeito, optimizar a xestión da mesma.

A incapacidade temporal é unha prestación do Sistema Nacional de Saúde que precisa ser percibida polos seus lexítimos destinatarios. A través da mellora da formación dos facultativos do Sergas búscase proporcionar unha xestión eficiente desta prestación, garantindo así os dereitos dos pacientes.

O curso, que terá unha duración de oito semanas, impartirase telematicamente a través da Universidade de Alcalá, con participación da Inspección de Servizos Sanitarios da Consellería de Sanidade e do INSS na titorización da actividade formativa. Está previsto a celebración de tres edicións do mesmo, que se desenvolverán nos exercicios 2023 e 2024, sendo a data de inicio da primeira edición no vindeiro mes de outubro.

Este convenio enmárcase dentro do convenio xeral subscrito entre a Consellería de Sanidade e o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, para o control da Incapacidade Temporal no período 2023-2024.

Curso organizado por Sanidade

Á súa vez, a Consellería de Sanidade puxo a disposición dos médicos do Servizo Galego de Saúde un curso dirixido tanto a médicos de atención primaria como de atención hospitalaria e MIR, sobre “Incapacidade Temporal, xestión e control. Organismos implicados no control dos procesos. Tramitación de Enfermidades Profesionais”. Este curso, organizado pola Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios do departamento sanitario galego, impártese na modalidade online, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), con tres edicións para o exercicio 2023 de 100 prazas cada unha.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud