A XUNTA INCREMENTA EN 750.000 EUROS A SÚA APOSTA POLA MEDICINA PERSONALIZADA DE PRECISIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 09 2023

O Consello da Xunta autorizou hoxe unha addenda e prórroga ao Contrato-Programa Sergas-Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica 2022-2023 para aumentar o seu investimento no presente ano e continuar en 2024 coa súa actividade coa fin de consolidar a medicina personalizada de precisión.

Desta forma, o Servizo Galego de Saúde incrementa o seu investimento en medicina 5P (personalizada, preditiva, preventiva, participativa e poboacional) en 749.073,63 euros entre o vixente ano e a prórroga do contrato-programa en 2024. Desta cantidade, un total 238.780,29 euros estarán destinados a gastos de persoal da Fundación.

O avance na dotación de recursos para poder ofrecer á poboación galega os tratamentos máis personalizados e as terapias máis innovadoras é unha das liñas estratéxicas da política sanitaria do Goberno galego, tendo a súa concreción máis recente na Estratexia de Oncoloxía de Precisión en Galicia, presentada onte mesmo.

Así, coa realización de análises xenéticas no ámbito da sanidade pública, o Sergas dótase dunha ferramenta de incalculable valor para o diagnóstico e prognóstico de enfermidades de alto impacto sanitario e gran impacto social como son as enfermidades complexas e raras, as enfermidades oncolóxicas e as enfermidades sen diagnóstico.

Así mesmo, son clave para a selección e o seguimento de tratamentos farmacolóxicos óptimos, o que redunda nunha maior seguridade e eficiencia ao utilizar as terapias dirixidas.

O desenvolvemento deste contrato-programa entre Sergas e a Fundación tamén busca a transmisión de información, de xeito claro e comprensible, sobre o risco de recorrencia da enfermidade ou trastorno, as consecuencias para o paciente e a súa descendencia e as posibilidades de prevención pre e postnatal.

Actualmente, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica sitúase como o centro de maior volume de España no diagnóstico de enfermidades xenéticas. Anualmente increméntase o número de estudos xenómicos solicitados polas sete áreas sanitarias galegas, sendo de 32.813 no ano 2022, e coa previsión de achegarse aos 35.000 no presente exercicio. Por iso, a previsión da Xunta é manter esta liña de colaboración durante o período 2023-2025.

Máis de 7 millóns de euros anuais destinados á xenómica

O incremento adicional de preto de 750.000 euros de financiamento á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica súmase ao esforzo orzamentario que a Xunta ten realizado nesta lexislatura na dotación de fondos para este fin. Así, desde o ano 2020, a Xunta ten duplicado os fondos anuais que destina á Fundación, pasando dos 3,4 millóns de euros aos 7 millóns que estaban aprobados para este ano no último contrato-programa que autorizou o Consello da Xunta e polos orzamentos.

Ao tempo, o Goberno galego reforzou o seu apoio loxístico á Fundación coa sinatura dun convenio co Centro de Supercomputación de Galicia para almacenar os datos das máis de 30.000 análises xenómicas de pacientes que realiza ao ano e consolidou a estrutura de recursos humanos desta institución, coa convocatoria dun proceso de estabilización de 25 prazas públicas.

Seguindo as iniciativas estratéxicas da Consellería de Sanidade, a Fundación colabora no Plan de Saúde Mental de Galicia coa elaboración dun estudo a través da análise farmacoxenética de pacientes a tratamento con determinados fármacos para contribuír a axustar doses e evitar reaccións adversas. Ademais, está na Estratexia Galega para as Enfermidades Raras, coa máxima colaboración nos procesos de detección precoz como o programa de cribado neonatal e, a través desta modificación do contrato-programa, consolídase tamén como parte fundamental da Estratexia de Oncoloxía de Precisión, recentemente aprobada, que vai permitir avanzar nun catálogo de biomarcadores esenciais para personalizar diagnósticos e tratamentos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud