A XUNTA COMEZARÁ O 19 DE OUTUBRO A UTILIZAR OS NOVOS ROBOTS CIRÚRXICOS DE TRAUMATOLOXÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 09 2023

A Xunta de Galicia ten previsto que os tres novos robots cirúrxicos de traumatoloxía recentemente adquiridos polo Goberno galego comecen a funcionar coas primeiras intervencións o día 19 de outubro, despois de que hoxe mesmo remate a súa instalación nos hospitais de Santiago de Compostela, a Coruña e Vigo e ao longo do mes de outubro se complete a formación do persoal encargado de manexar estes equipos. Así se desprende dun informe que hoxe abordou o Executivo galego na súa reunión semanal, referido á posta en funcionamento da tecnoloxía robótica en cirurxía ortopédica e traumatoloxía. A primeira intervención programada será a colocación dunha prótese de xeonllo, nos tres hospitais ao mesmo tempo.

Anticipándose á chegada dos equipos aos centros, o departamento sanitario galego constituíu un subcomité de cirurxía robótica en cirurxía ortopédica e traumatoloxía, formado por un representante da especialidade de cada área sanitaria, dos que un representante elixido entre eles incorporarase ao Comité Central de cirurxía robótica. A primeira reunión deste subcomité realizouse o pasado 17 de xullo.

O traballo a realizar nun primeiro momento, e consensuado no seno do subcomité, consiste en definir os procedementos que se poden abordar co robot, clasificándoos en fases segundo a complexidade. Para cada un deles estableceranse criterios de selección dos pacientes, que poderán ser derivados deste todas as áreas sanitarias galegas. Ademais, estase a elaborar un consentimento informado para a intervención con robot e tamén trabállase en definir indicadores de resultado e de calidade.

Cómpre remarcar que, aínda que os robots estean emprazados en Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, van operar a pacientes de toda Galicia, cando cumpran os criterios fixados polo subcomité.

Investimento de 4,3 millóns de euros

Subliñar que o Goberno galego licitou a compra de tres robots cirúrxicos de traumatoloxía, sendo adxudicado o concurso á empresa de Stryker Iberia, asinándose o contrato o pasado mes de de agosto. O investimento da Xunta nesta aparataxe é de 4.309.226 euros.

Nun primeiro momento, estes equipos situáronse nestes tres centros de referencia, sendo a intención da Xunta que se vaian incorporando progresivamente a todos os hospitais, creando un programa de cirurxía robótica corporativo, progresivo e homoxéneo, primando a equidade na prestación á poboación, independentemente de onde estea asentado o robot.

Os servizos de traumatoloxía do Sergas realizan anualmente en torno a 27.500 intervencións cirúrxicas, estimándose que nun principio poderanse realizar co robot un 35-40% das artroplastias, fundamentalmente de xeonllo e cadeira.

Beneficios para pacientes e profesionais

Os sistemas robóticos son aparatos concibidos coa finalidade de axudar e mellorar a destreza e capacidade cirúrxica. O aumento e a mellora da destreza permiten ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, serían imposibles nalgúns casos, proporcionando unha considerable mellora na seguridade das intervencións cirúrxicas.

A adquisición polo Sergas, en xullo de 2021, de 7 robots Davinci, situados en cada un dos hospitais de referencia das 7 áreas sanitarias, supuxo un fito importante para a organización por dotar aos centros da última tecnoloxía en robots cirúrxicos. Eses equipos en cada centro son compartidos por varias especialidades, sendo as principais os servizos de cirurxía xeral, uroloxía, xinecoloxía e otorrinolaringoloxía, aínda que nalgún centro son utilizados tamén por cirurxía torácica ou cirurxía maxilofacial.

Para a súa implantación nos centros precisouse, nun primeiro momento, da creación de subcomités de cada especialidade, que se encargaron de definir os procedementos que se realizarían nos robots, os criterios de inclusión dos pacientes, asi como os consentimentos informados para os pacientes. Posteriormente publicouse a ORDE do 7 de decembro de 2021, que crea e regula un Comité Clínico de Cirurxía Robótica definindo a súa natureza xurídica e adscrición, composición, funcións e normas básicas de funcionamento.

O Comité constitúese como un órgano colexiado de ámbito autonómico e natureza técnico-facultativa, adscrito ao Sergas, e desenvolve as súas funcións, por requirimento deste organismo, para a normalización, coordinación e seguimento na utilización dos robots cirúrxicos.

O Comité está integrado ademais de por representantes de servizos centrais, polos sete programadores cirúrxicos das áreas sanitarias, e por un representante de cada un dos subcomités de cirurxía robótica, é dicir por un representante de cada servizo que utiliza o robot.

Transcorridos dous anos dende o inicio do funcionamento destes robots cirúrxicos, anos nos que se acreditaron no seu uso a 27 urólogos, 38 cirurxiáns xenerais, 18 xinecólogos, 9 torácicos e 7 ORL, e se realizaron 3.200 intervencións, cunha excelente acollida polos profesionais e pacientes, valorada esta última a través de enquisas de calidade percibida, é o momento de ir expandindo estes robots a outras especialidades.

Técnica máis vantaxosa

Sinalar que en cirurxía ortopédica e traumatoloxía, a utilización do sistema de cirurxía robótica para a substitución de xeonllo e de cadeira demostrou ser a técnica máis vantaxosa para o doente comparadas coas manuais, supoñendo unha maior exactitude e precisión á hora de planificar a posición e o tamaño do implante, ademais de supoñer menor sangrado durante a cirurxía, menor dor postoperatoria, menor tempo de recuperación e de estancia hospitalaria e unha diminución das complicacións.

Un dos aspectos máis difíciles da cirurxía de substitución de articulacións é colocar os compoñentes individuais da articulación artificial na mellor aliñación posible para que encaixen e funcionen sen problemas. Polo tanto, o obxectivo principal dos dispositivos robóticos é de prover ao cirurxián dunha ferramenta específica para executar, de forma exacta, os cortes óseos de acordo cunha precisa planificación cirúrxica previa, conseguindo así restablecer a cinemática e o balance de partes brandas do xeonllo primitivo. O brazo robótico proporciona retroalimentación táctil, visual e auditiva para axudar ao cirurxián a lograr a orientación desexada, o que pode mellorar a estabilidade e mobilidade.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud