A CONSELLERÍA DE SANIDADE ADAPTA XA OS TRATAMENTOS DOS PACIENTES PSIQUIÁTRICOS AO SEU PERFIL XENÉTICO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 09 2023

A sanidade pública galega adapta xa os tratamentos dos pacientes psiquiátricos ao seu perfil xenético. Así se desprende do acto de clausura do XXIV Curso de Investigación en Psiquiatría, que contou coa intervención do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Este evento tivo lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro, organizado pola Asociación Galega de Psiquiatría, e ao  mesmo tamén asistiu o xerente da área, Javier Puente.

“Queremos potenciar dende a Xunta diferentes eidos sanitarios que se aliñan coa Medicina 5P”, -dixo Comesaña-, que pasa por ser personalizada, preditiva, preventiva, participativa e poboacional, e na que a análise de datos clínicos, xenéticos, ambientais e de estilo de vida, permite deseñar tratamentos personalizados e adaptados ás necesidades específicas de cada paciente. Como exemplo puxo a Estratexia de Oncoloxía de Precisión, que esta mesma semana presentou a Xunta, “aínda que tamén na psiquiatría estamos a facer medicina personalizada”, -sinalou o conselleiro-.

Na súa intervención no acto, o máximo responsable do Sergas referiu que a Fundación Pública de Medicina Xenómica, que lidera Ángel Carracedo, colabora no Plan de Saúde Mental 2020-2024 posto en marcha pola Xunta, “coa elaboración dun estudo a través da análise farmacoxenética de pacientes a tratamento con determinados fármacos, para contribuír a axustar as doses e evitar reaccións adversas”. 

Coa realización de análises xenéticas no ámbito da sanidade pública, -proseguiu o conselleiro-, “o Sergas faise cunha ferramenta moi potente de cara ao diagnóstico e prognóstico de enfermidades de alto impacto sanitario, como poden ser as enfermidades raras ou as oncolóxicas”. 

O conselleiro de Sanidade sinalou que o seu departamento está a desenvolver o Programa Visia, que ten como obxectivo xeral deseñar e implementar un sistema automatizado de detección de malestar emocional e risco de suicidio na adolescencia baseado na intelixencia artificial. 

Tal e como detallou Comesaña, “a detección farase a partir de perfís moleculares obtidos mediante proteómica de saliva, gravacións de vídeo e audio en contextos específicos, e o contido da linguaxe producida polos suxeitos obxecto do estudo”.

Igualmente destacou a excelente traxectoria do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia-Sur, remarcando as liñas de traballo máis recentes do Grupo de Neurociencia Translacional, entre as que citou o desenvolvemento de biomarcadores familiares de deterioro cognitivo e estrés familiar no Alzhéimer; así como de diferentes ensaios clínicos; todos eles baixo o liderado do doutor José Manuel Olivares, xefe de servizo de Psiquiatría da área sanitaria.

Solucións innovadoras

No marco do Plan de Innovación Sanitaria, o conselleiro dixo que o seu departamento conta co Proxecto PRECISAÚDE, para atopar solucións innovadoras que melloren o diagnóstico precoz e o tratamento en procesos como o cancro ou os trastornos mentais.

Ao respecto, Comesaña fixo fincapé na proposta realizada polo doutor Olivares e o seu grupo, relativa ao emprego de biomarcadores para a detección precoz de trastornos mentais obtidos a través de mostras de saliva ou sangue, que “supón unha achega innovadora dentro do ámbito da psiquiatría e abre un camiño esperanzador e viable na obtención rápida de información de resposta ao tratamento”.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro incidiu en que Galicia “ten que seguir a avanzar en dar asistencia á saúde mental así como en formar e en investigar sobre este ámbito”.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud