A XUNTA PORÁ EN MARCHA UNA UNIDADE MÓBIL DE RADIOLOXÍA PARA ACHEGAR ESTE SERVIZO AOS CENTROS DE SAÚDE SEMIURBANOS E RURAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 10 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares e polo alcalde do Concello de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, visitou o centro de saúde deste concello e mantivo unha xuntanza co persoal do centro sanitario e con membros do equipo directivo da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza para dar conta da posta en marcha por parte da Xunta dunha unidade móbil de radioloxía que dará servizo a centros de saúde como o ordense.

O titular da carteira sanitaria avanzou que este equipo iniciará a súa actividade de xeito piloto en centros de saúde rurais e semiurbanos da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, co obxectivo de avaliar a súa posible extensión a toda Galicia. O contrato para a súa adquisición foi publicado esta semana na Plataforma de Contratos de Galicia por un importe de 373.890 euros.

A unidade móbil de raios X contempla unha sala de radioloxía dixital con capacidade para desprazarse de xeito periódico ás inmediacións dos distintos centros de atención primaria que non contan con servizo de radioloxía e poder realizar as probas programadas para os pacientes dese centro. Contará cunha área de acceso e recepción dos pacientes e outra de exploración, con vestiario e lavabo. Esta área de exploración deberá ter unha protección de chumbo para protexer da radiación ionizante do equipo. Así mesmo, disporá dunha plataforma elevadora para facilitar o acceso de persoas con mobilidade reducida.

O expediente contempla tamén o requisito de que o equipo de radioloxía estea dotado con tecnoloxía dixital directa que permita a integración total das imaxes diagnósticas e das doses de radiación recibidas polo paciente cos sistemas de información corporativos do Sergas, en particular co sistema IANUS de historia clínica electrónica.

O contrato será financiado con fondos recibidos do Ministerio de Sanidade a través do Plan de Mellora das Infraestruturas de Atención Primaria (MINAP) xa que, grazas á boa situación de Galicia en materia de infraestruturas de atención primaria, co investimento desde 2009 de máis de 130 millóns de euros para construír ou renovar 115 centros de saúde e cun Plan de Infraestruturas de Atención Primaria en execución desde 2021, a Xunta pode destinar estes fondos estatais a dotar aos seus centros de equipamento diagnóstico novo.

De feito, o propio centro de saúde de Ordes está sendo obxecto dunha obra de ampliación por importe de 436.000 euros para albergar consultas de saúde mental e instalarase proximamente unha caldeira de biomasa por valor de case 160.000 euros.

Novo equipamento para a atención primaria de Ordes

Por outra banda, o conselleiro informou aos profesionais do centro de saúde de Ordes do subministro de novo equipamento electromédico e mobiliario clínico dentro dos contratos cos que o Sergas investirá en toda Galicia máis de 17 millóns de euros.

Así, o persoal da atención primaria de Ordes recibirá un retinógrafo, un dispositivo de monitorización ambulatoria da presión arterial (que o paciente leva para casa durante un ou dous días completos da súa vida cotiá, e permite diagnosticar a existencia ou a evolución de hipertensión) e dous equipos multidiagnóstico (tecnoloxía que, a través dunha tablet con distintos complementos, permite realizar co mesmo aparello distintas probas diagnósticas como electrocardiogramas, medicións de presión arterial, control do índice nocello-brazo para previr trombos ou espirometrías para diagnóstico e seguimento de patoloxías respiratorias), ademais de mobiliario clínico consistente en 21 novas padiolas de exploración, transporte e fisioterapia.

Desta forma, a Xunta aposta por unha atención primaria máis resolutiva a través dunha maior capacidade diagnóstica para, en primeiro lugar, facer unha mellor prevención da enfermidade e acadar diagnósticos precoces que eviten complicacións posteriores nos pacientes e, en segundo lugar, mellorar o seguimento dos pacientes crónicos e pluripatolóxicos, cada vez máis abundantes en Galicia, e que requiren dunha atención específica polo conxunto do equipo de atención primaria.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud