A ​UNIDADE DE INVESTIGACIÓN E INNOVACIÓN DO SERVIZO DE FARMACIA DO CHUS RECIBE O PREMIO AO MELLOR PROXECTO I+i
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 10 2023
 Santiago, 11 de outubro 2023.- O proxecto R-evolución farmacocinéticacoordinado desde a Unidade de Investigación do Servizo de Farmacia do CHUS conseguiu desenvolver e implementar unha ferramenta software para realizar recomendacións posolóxicas de precisión mediante a aplicación de técnicas farmacocinéticas e farmacoxenéticas.

Na actualidade, “só o 34.1% dos Servizos de Farmacia realiza informes farmacocinéticos, debido principalmente á falta de ferramentas informáticas modernas, intuitivas e versátiles para realizar recomendacións posolóxicas” reflexiona Anxo Fernandez, responsable desta unidade de investigación. Os softwares máis utilizados, datan de finais do século pasado e presentan limitacións relevantes para a práctica clínica. Con este desenvolvemento lograron desenvolver interfaces intelixentes que permiten aos facultativos introducir os datos clínicos de forma áxil e intuitiva.

Á súa vez, o software, desenvolto en colaboración co grupo VARPA da Universidade da Coruña, permite xerar un backend robusto e seguro que posibilita a activación de modelos preditivos individualizados proporcionando as doses óptimas personalizadas. A versión beta está dispoñible para profesionais do CHUS, sendo utilizada principalmente no eido das enfermidades infecciosas e estando prevista a súa escalada a outros ámbitos terapéuticos nos próximos meses. Así, ata o de agora “máis de 100 pacientes xa se beneficiaron das recomendacións posolóxicas de precisión”, subliña Fernández.

A concesión deste premio (6.000 euros) á Unidade de Investigación e Innovación, reafirma a aposta do Servizo de Farmacia pola investigación, e tal como indica o seu coordinador Anxo Fernández Ferreiro “este proxecto é un claro exemplo da investigación orientada ao paciente e á poboación a través de actividades de transferencia”. Pola súa banda, a xefa do Servizo de Farmacia, Irene Zarra, abunda nesta aposta e destaca a importancia de facer investigación nos hospitais para poder atopar “solucións reais aos problemas de saúde”.

O proxecto está enmarcado dentro do ámbito da saúde dixital, unha das prioridades en sanidade do Consello da Unión Europea. Así, na reunión de alto nivel da E-Health Network (rede europea de saúde dixital) celebrada na última semana de setembro en León quedaron patentes as enormes oportunidades da saúde dixital. Deste xeito, os membros do equipo investigador, esperan, segundo subliña Anxo Fernández, que “o actual premio sexa un impulso para seguir traballando con entusiasmo e perseveranza en proxectos complementarios cos que pretendemos integrar técnicas de intelixencia artificial no campo da farmacocinética”.

Saúdos,

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud