A XUNTA LICITARÁ NESTE ANO A REFORMA DO CENTRO DE SAÚDE COMPOSTELÁN DE CONXO POR MÁIS DE 5 MILLÓNS DE EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 10 2023

A Xunta licitará antes de rematar este ano a obra de reforma do centro de saúde de Conxo na que ten previsto investir máis de 5 millóns de euros, tal e como anticipou a xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, esta mañá no Parlamento de Galicia.

Para primeira anualidade da obra, o proxecto de orzamentos da Xunta para 2024 dedicará 3,5 millóns de euros para reformar o centro de saúde compostelán que dá servizo a arredor de 5.300 habitantes. Tal e como resumiu a xerente do Sergas, “o que buscamos é adecuar o centro de saúde ás necesidades do século XXI cunha reforma integral e a ampliación dos espazos existentes”. Así, a obra permitirá incorporar unha consulta de medicina de familia, outra de enfermaría, unha de farmacia e unha sala de cirurxía menor. Reformarase a área das unidades de saúde mental para pasar a contar con cinco consultas médicas, tres consultas de psicoloxía, dúas de enfermaría e unha sala de técnicas. Ademais, crearase unha unidade de psicoxeriatría con catro consultas (dúas de psicoxeriatría, unha de psicoloxía e unha de traballo social).

Nos centros de saúde de Santiago de Compostela, no que vai de lexislatura, a Xunta investiu máis de 230.000 euros para acadar unhas infraestruturas máis accesibles e amables para os pacientes e facer unha mellora enerxética e lumínica nas mesmas. En concreto, destináronse 147.405,62 euros ao centro de saúde Concepción Arenal, 43.971,43 euros ao de Fontiñas e 43.214,92 euros ao de Vite.

Desta forma, segue en marcha o Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria da Consellería de Sanidade que prioriza investimentos e axiliza trámites tanto dentro da Xunta como na colaboración cos Concellos para obter os terreos necesarios. As tres fases nas que se distribúe o plan prevén a posta en marcha de 37 centros de saúde e a reforma doutros 14, entre os que se atopa o centro de saúde de Conxo na fase 0.

Orzamento de 16 millóns en 2024 para os hospitais de Santiago

A Xunta supera no presente ano unha partida orzamentaria de 250 millóns de euros dedicada a reformas e ampliacións de centros hospitalarios e construción de novos hospitais. 

No caso de Santiago de Compostela, lévanse realizadas intervencións no Hospital Clínico nos últimos anos investindo 4 millóns de euros en Farmacia, 1,1 millóns en reformar a UCI, 450.000 euros na nova unidade de ictus, 1,65 millóns na ampliación de urxencias e 1,2 millóns no quirófano híbrido. A maiores disto, nesta lexislatura, dedicáronse máis de 23 millóns de euros a equipamento tecnolóxico como a renovación do bloque cirúrxico, o robot Da Vinci ou os equipos HIFU. Ademais, a Xunta adxudicou en marzo as obras de ampliación do Hospital Clínico por un importe de 70,5 millóns de euros para culminar a renovación deste centro hospitalario que permitirá contar con cinco novas unidades de hospitalización con 36 camas cada unha e unha nova unidade de hematoloxía de 28 camas. 

Do mesmo xeito, o Hospital Provincial de Conxo verá mellorada a súa capacidade diagnóstica coa incorporación dunha nova resonancia magnética. Para levar isto a cabo, no orzamento do vindeiro 2024 a Xunta recollerá unha partida de 16 millóns de euros que permitan pór en marcha estas obras (15,2 millóns para a anualidade da obra de ampliación do Clínico e 1,3 millóns para Conxo).

En paralelo a estas intervencións nos centros hospitalarios, a Xunta comezará este mesmo ano a construción do Centro Galego de Protonterapia, situado fronte ao Hospital Clínico e que dará servizo a toda Galicia desta nova técnica contra o cancro, chegando o investimento para a súa posta en marcha a preto dos 20 millóns de euros. A anualidade de 2024 prevé 14,7 millóns de euros, permitindo que o centro galego sexa o primeiro de España en poñerse en marcha.

O Centro Galego de Protonterapia aplicará unha innovadora técnica que permite utilizar protóns para aplicar radiación directa a tumores e destruír as células cancerosas sen practicamente afectar os tecidos e órganos sans. Isto fai da protonterapia unha técnica especialmente indicada para tumores situados en zonas sensibles como o cerebro, a medula ou os ollos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud