A Área Sanitaria da Coruña e Cee disporá o vindeiro
ano 2024 do orzamento máis alto da súa historia, acadando a cifra récord de 856
millóns de euros. Así, tal e como se recolle no proxecto de orzamentos, a Xunta
de Galicia destinará un 5% máis que o pasado ano á atención sanitaria da área
da Coruña e Cee, o que supón 42 millóns de euros máis.
Preto da metade do orzamento destínase ao Capítulo I,
isto é, ao pagamento das nóminas do persoal, máis de 7.500 traballadores da
área, tanto dos centros de saúde como dos hospitais. Este capítulo abrangue o 48%
do total, 407 millóns de euros.
Ao Capitulo II, bens e servizos, dedícanse 294 millóns
de euros, un 34%. Neste epígrafe contabilízanse os gastos de farmacia de
dispensación hospitalaria, material e instrumental sanitario, implantes ou
laboratorios.
50 millóns
de investimentos
Ademais, a Xunta de Galicia prevé realizar uns
investimentos de mais de 50 millóns de euros na sanidade pública coruñesa.
Destes, máis de 43 millóns irán dirixidos ao Complexo Hospitalario
Universitario da Coruña e mais de 7 millóns á Atención Primaria.
O investimento no Hospital Universitario A Coruña
ascenderá a mais 41 millóns de euros para desenvolver a fase 1 do Plan Director
do novoCHUAC e a algo mais dun millón de euros para a reforma da área de
urxencias do Hospital de Cee.
7 millóns
para Atención Primaria
No referido á Atención Primaria,
dos mais de 7 millóns de euros que se investirán nas obras de construción e
reformas de centros de saúde na Área Sanitaria da Coruña e Cee, están
reservados 2,2 millóns de euros para avanzar na obra do novo centro de saúde de
Abegondo.
Unha das partidas máis
destacable, cunha asignación de mais de 2 millóns de euros, é para financiar o
novo centro de saúde de Santa Lucía, que figura no capítulo VII de transferencias de capital, pois será unha
transferencia ao Concello da Coruña, encargado de licitar proxecto e obra
segundo o convenio asinado.
Asemade, os Orzamentos tamén recollen unha partida de
200.000 euros para licitar os proxectos de novos centros de saúde contemplados
no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria cando os Concellos
correspondentes acheguen ao Sergas unha parcela axeitada, como poderían ser os
centros de Carballo ou Malpica.
Dentro da partida de
319.000 de Plan de Atención Primaria para reformas, ampliacións e melloras de
centros de saúde están reservados 100.000 € para o
inicio da obra de reforma dos centros
de saúde de Curtis.
Entidades de Atención
Sociosanitaria
O proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para
2024 inclúe preto de 12 millóns de euros dentro das contas do Sergas para
transferencias a entidades de atención sociosanitaria, de saúde mental e de
atención ás adiccións.
Parte destes fondos destínanse a entidades de
eido autonómico ou para convocatorias
de axudas de carácter competitivo, pero tamén hai consignadas
partidas específicas para convenios nominativos con entidades de eido local.
No caso da Área Sanitaria
da Coruña e Cee as asociacións beneficiadas por estes fondos, que acadan preto
de 2,3 millóns de euros, son a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga
(ACLAD), 2 millóns de euros; a Asociación Ex-Alcohólicos A Coruña, 244.000
euros; a Asociación Antonio Noche López, mais de 32.000 e a Asociación Vieiro
de Carballo, con preto de 8.000 euros.