A XUNTA ASIGNA UN ORZAMENTO DE CASE 763 MILLÓNS DE € PARA 2024 NA ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E BARBANZA, 5.6 % MÁIS QUE NO EXERCICIO ANTERIOR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 10 2023


A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza contará o vindeiro ano 2024 co orzamento máis alto da súa historia, acadando a cifra de 762.562.621€. Así, tal e como se recolle no proxecto de orzamentos, a Xunta de Galicia destinará un 5.6 % máis que o pasado ano á atención sanitaria das preto de 450.000 persoas que atende a área compostelá e ao pagamento aos seus 6.000 profesionais, o que supón case 41 millóns de euros máis.

Preto da metade do orzamento destínase ao Capítulo I, isto é, ao pagamento das nóminas do persoal, tanto dos centros de saúde como dos hospitais. Este capítulo abrangue 355.968.715 euros.

Ao Capitulo II, bens e servizos, dedícanse máis de 244 millóns de euros, un 2.6 % máis que no pasado ano. Neste epígrafe contabilízanse os gastos de farmacia de dispensación hospitalaria, material e instrumental sanitario, implantes ou laboratorios.

Investimentos

Por outra banda a Xunta aprobou investir 16 millóns de € para melloras no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, dos que 15.271.193 € serán para a obra de ampliación do Hospital Clínico e 1.364.000€ irán destinados a incorporar unha nova resonancia magnética no Hospital Provincial de Conxo.

Un total de 300.000 € adicaranse a avanzar no proxecto de ampliación da área de hospitalización no hospital do Barbanza.

A construción do centro galego de protonterapia, situado no recinto do hospital Clínico e que dará servizo a toda Galicia desta nova técnica contra o cancro contará cun total de 14.783.144 €.

Dentro da partida  de 7,18 millóns de Plan de Atención Primaria e de 14 millóns € do Plan de Atención Primaria FEDER 21-27 para construción de centros de saúde, para este ano están consignados 3,5 millóns de € para o inicio da obra de reforma do centro de saúde de Conxo, en Santiago (que se licitará por máis de 5 millóns antes de rematar 2023). 

Para o proxecto do novo centro de saúde de Noia están reservados 400.000 € para o ano que ven, unha vez que o concello cedeu a parcela á Xunta e está xa encomendada a licitación do proxecto á Axencia Galega de Infraestruturas.

Tamén hai unha reserva orzamentaria, de 200.000 €, para o proxecto do novo centro de saúde de Teo, para o que xa hai un convenio asinado con concello, que está coa tramitación para ceder unha parcela á Xunta.

Existen 200.000 € para licitar os proxectos de novos centros de saúde contemplados no Plan de Infraestruturas de Atención Primaria cando o concello achegue unha parcela axeitada.

Dentro da partida de 10,7 millóns de Plan de Acción de Atención Primaria destinados á adquisición de equipamentos para os centros de saúde, nesta área sanitaria incorporaranse: 28 bisturís eléctricos para cirurxía maior ambulatoria; 30 retinógrafos; 35 ecógrafos; 85 dispositivos multidiagnóstico de monitorización automatizada de constantes vitais; 100 sistemas de monitorización ambulatoria da presión arterial; 108 desfibriladores; 40 analizadores sanguíneos portátiles para a realización de probas de detección rápida e máis de 500 padiolas de exploración e de transporte.

Entidades de atención sociosanitaria

O proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia inclúe máis de 11,6 millóns de euros dentro das contas do Sergas para transferencias a entidades de atención sociosanitaria, de saúde mental e de atención ás adiccións.

Parte destes fondos destínanse a entidades de eido autonómico ou para convocatorias de axudas de carácter competitivo, pero tamén hai consignadas partidas específicas para convenios nominativos con entidades de eido local.

No caso da área sanitaria compostelá, as asociacións beneficiarias destes fondos son a Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home con 1,14 millóns de euros e a asociación antidroga Renacer de Ribeira con 18.683 euros.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud