A XUNTA DESTINARÁ MÁIS DE 76 MILLÓNS EN 2024 A REMATAR A OBRA E COMPLETAR O EQUIPAMENTO DO HOSPITAL NOVO MONTECELO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 10 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta semana as obras do Hospital Novo Montecelo no que o proxecto de orzamentos da Xunta para 2024 prevé investir 76,3 millóns de euros, dedicando 50,7 millóns a completar a obra e 25,6 millóns para o equipamento da instalación hospitalaria.

O conselleiro realizou un percorrido polo búnker de radioterapia, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias; polo xefe do Departamento de Edificacións da Axencia Galega de Infraestruturas, Manuel Bermúdez, e por técnicos da UTE encargados da obra. 

A Xunta destinou 4,4 millóns de euros dos Fondos Next Generation da Unión Europea, á adquisición de dous aceleradores lineais que, xunto a un equipo de Tomografía Computerizada de planificación valorado en 508.200 euros. 

Así, Comesaña puido comprobar a instalación nas áreas de tratamento, ademais da posta a punto do espazo de control, as áreas de espera e a zona de consultas do futuro servizo de radioterapia, que conta con imaxes dun bosque de bidueiros da provincia de Pontevedra para humanizar o espazo.

Do mesmo xeito, dentro da xestión por parte da Xunta destes fondos europeos, o Goberno galego dota o Hospital Novo Montecelo dunha gammacámara para o servizo de medicina nuclear cun custo de preto de 700.000 euros, dun equipo de cardioloxía intervencionista para hemodinámica por máis de 800.000 euros e, xa en funcionamento no actual centro hospitalario de Pontevedra, un TAC espectral valorado en 1,1 millóns de euros e un TAC por 578.000. Ademais, este mesmo ano será recibido un equipo de resonancia magnética por 1,1 millóns de euros para ser posto en marcha de forma automática. 

En total, a Xunta dedicou máis de 9,3 millóns de euros de fondos europeos Next Generation a equipamento deste hospital que, cumprindo cos requisitos deste financiamento, completará a súa instalación neste ano 2023. Isto garantirá que os novos servizos de radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica estean xa dispoñibles en canto entre en funcionamento o Hospital Novo Montecelo. Grazas a eles, preto de 500 pacientes ao ano deixarán de desprazarse a Vigo para recibir este tipo de tratamentos.

Remate da estrutura principal

A Xunta ten previsto coroar a finais deste mes de outubro a planta superior do último módulo do edificio en ‘Z’ de hospitalización, é dicir, rematar toda a parte estrutural principal do futuro Novo Montecelo.

Ademais, o progreso da obra acelérase tamén nos módulos de instalacións e nas dársenas de carga, espazos dunha soa altura e con máis de 8.000 metros cadrados de superficie. As dársenas de carga xa superan actualmente o 50% de nivel de execución e o resto dos traballos en basamento e hospitalización tamén se atopan no seu punto de máxima execución.

Nesta primeira fase en execución, este proxecto transformador do Hospital Público de Pontevedra supón unha achega autonómica que se eleva aos 138,5 M€, como consecuencia do incremento extraordinario de prezos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud