​A ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E BARBANZA REALIZA CON ÉXITO A PRIMEIRA INTERVENCIÓN CO ROBOT DE ÚLTIMA XERACIÓN PARA CIRURXÍA ORTOPÉDICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 10 2023


 

Santiago, 21 de outubro do 2023.- A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza realizou con éxito a primeira intervención con Mako, o robot de última xeración para a cirurxía ortopédica, un equipo para o que o executivo galego investiu 1.440.000€.

 

A operación, liderada polo Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica, tivo lugar o  xoves 19, nos quirófanos do Hospital de Conxo, e consistiu na colocación dunha prótese de xeonllo a unha muller de 80 anos, cunha duración de pouco más dunha hora. A evolución da paciente é favorable e proximamente será dada de alta.

 

Esta avanzada tecnoloxía robótica para cirurxía ortopédica e traumatolóxica permitiu realizar a intervención con maior precisión e seguridade, así como reducir tempos no quirófano e na recuperación da funcionalidade. Estímase que coa incorporación desta aparataxe se poidan realizar entre o 35-40% das artroplastias, fundamentalmente de xeonllo e cadeira.

Os sistemas robóticos tamén teñen a finalidade de axudar a mellorar a destreza e capacidade cirúrxica, permitíndolle ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, serían imposibles nalgúns casos, proporcionando unha considerable mellora na seguridade das intervencións cirúrxicas.

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, destacou tras a realización da  intervención en Santiago que “é un día importante para a sanidade galega. Unha vez máis a Xunta de Galicia aposta pola alta tecnoloxía para que os galegos poidan ter á súa disposición todo este material tecnolóxico e mellorar a calidade asistencial e a seguridade”.  O doutor Aboal asegura que dende o goberno galego  continúan apostando pola robotización dos quirófanos para ofrecerlle o mellor aos pacientes e aos profesionais.

Pola súa banda, a xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez , tras  agradecer a dedicación dos profesionais que participaron na intervención, recalcou esa “aposta pola innovación tecnolóxica aplicada aos nosos pacientes” tanto da xerencia como da consellería de sanidade “con investimentos en robótica para a mellora da saúde e da medicina en Galicia”.

O xefe do servizo de Traumatoloxía da área sanitaria compostelá, José Ramón Caeiro,

 

 

encargado de realizar a intervención xunto ao doutor Enrique Fernández, responsable da unidade de xeonllo, o traumatólogo Fernando Sines, e a anestesista Sabela del Río, mostrouse satisfeito tras a operación indicando que “as sensacións son boas, o equipo funcionou como unha máquina perfectamente engraxada polo que teño que agradecerlle a todos o seu compromiso, formación e profesionalidade”. 

Incidiu que este novo robot ”aporta seguridade da reprodución da biomecánica, neste caso do xeonllo, cun aumento de precisión cirúrxica, permitindo que teñan unha expectativa de supervivencia no tempo moito maior e diminuíndo os riscos inherentes as abordaxes máis amplas”. Conclúe que “a eficacia e eficiencia destes brazos robóticos está demostrada”.

“A cirurxía robótica no campo da ortopedia o que permite é a mellora da precisión,  porporcionando un plus de seguridade para o paciente, pero o que máis nos va a aportar será esa precisión intraoperatoria, tratando de reducir as principais complicacións desa intervención” afirma Enrique Fernández Peña, responsable da unidade de xeonllo do servizo de traumatoloxía.

 

En cirurxía ortopédica e traumatoloxía, a utilización deste sistema robótico para a substitución de xeonllo e de cadeira demostrou ser a técnica máis vantaxosa para o doente comparada coas manuais, supoñendo unha maior exactitude e precisión á hora de planificar a posición e o tamaño do implante, ademais de supoñer menor sangrado durante a cirurxía, menor dor postoperatoria, menor tempo de recuperación e de estancia hospitalaria e unha diminución das complicacións.

Un dos aspectos máis difíciles da cirurxía de substitución de articulacións é colocar os compoñentes individuais da articulación artificial na mellor aliñación posible para que encaixen e funcionen sen problemas. Polo tanto, o obxectivo principal dos dispositivos robóticos é de prover ao cirurxián dunha ferramenta específica para executar, de forma exacta, os cortes óseos de acordo cunha precisa planificación cirúrxica previa, conseguindo así restablecer a cinemática e o balance de partes brandas do xeonllo primitivo. O brazo robótico proporciona retroalimentación táctil, visual e auditiva para axudar ao cirurxián a lograr a orientación desexada, o que pode mellorar a estabilidade e mobilidade.

 

Saúdos,​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud