CHEGA AO HOSPITAL CLÍNICO DE SANTIAGO A EXPOSICIÓN DE NFTS SOBRE CANCRO DE MAMA METASTÁSICO #LAMQUEFALTA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 10 2023

 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023.- O cancro de mama metastásico é unha realidade que afecta a máis de 30.000 persoas en Europa cada ano; máis de 2.000 delas en España. Entre eles, aproximadamente o 1% dos diagnósticos de cancro de mama corresponden a homes. Para mostrar a realidade dos pacientes, a Asociación Española Cancro de Mama Metastásico (AECMM) expón en Santiago de Compostela  unha colección de arte dixital inspirada nas vivencias de persoas con esta patoloxía, no marco do movemento #laMquefalta.

Trátase dunha exposición de NFTs única, cuxo lanzamento contou coa colaboración da Alianza Daiichi Sankyo | AstraZeneca e que está aberta ao público na entrada do Hospital Clínico Universitario de Santiago ata o 29 de outubro. A mostra está formada por 8 NFTs creados por 4 criptoartistas que se basearon nas historias reais de 6 mulleres e 2 homes que padecen cancro de mama metastásico. Todos eles coexisten coa enfermidade de diversas maneiras; con diferentes idades, experiencias familiares, relacións de amizade e metástase linfáticas, óseas, pulmonares, etcétera.

Pepa Sánchez, paciente e representante da AECMM en Sevilla, é unha das protagonistas da exposición. A súa obra, “Momentos de Luz”, é unha celebración e apreciación dos pequenos momentos de amor e agarimo que vive no seu día a día, máis aló da patoloxía, e reflicte que a situación que afronta fíxolle gozar e apreciar aínda máis os momentos bos.

Para o Dr. Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Santiago, “ademais da tan necesaria visibilidade que require o cancro de mama metastásico, é fundamental que os pacientes teñan acceso a un diagnóstico certeiro de forma rápida, que inclúa o estudo molecular e a secuenciación do tumor, para poder ofrecerlles o tratamento máis adecuado”.

Pola súa banda, o Dr. Alfonso Varela, director asistencial da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, destaca que “estamos avanzado na senda correcta pero aínda nos queda camiño por percorrer. Contamos con novas ferramentas de oncoloxía de precisión que nos permiten unha mellor abordaxe da enfermidade avanzada e hoxe somos conscientes da relevancia de catalogar o cancro de mama metastásico acorde coa bioloxía do tumor, en base ás súas características xenéticas e metabólicas. A meta para alcanzar é unha medicina cada vez máis individualizada e eficiente en beneficio dos e das pacientes”.

No acto de presentación, María José Menor, subdirectora de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, destacou “o orgullo que supón para un centro como o de Santiago, un dos catro a nivel nacional que visitará, acoller esta iniciativa e achegala á sociedade galega para contribuír á concienciación sobre do cancro de mama metastásico”.

Así mesmo, a iniciativa tamén tivo en conta as realidades de pacientes homes, xa que a M que falta en cancro de mama non é só a de metastásico, senón tamén a de masculino, moitas veces esquecido. Nestes casos, o prognóstico é aínda máis complexo posto que os homes teñen máis posibilidades -un 49% fronte a un 33% no caso das mulleres- de ser diagnosticados por primeira vez de cancro de mama en estadio avanzado (xa sexa localizado ou a distancia). Ademais, en homes a taxa de supervivencia é inferior, xa que presenta unha peor correlación entre o estadio do diagnóstico e a efectividade do tratamento.

#laMquefalta en cancro de mama

O cancro de mama atópase en estadio metastásico cando se estende a outras partes do organismo, máis aló da súa orixe primaria na mama. Hoxe en día continúa sendo un dos grandes retos para a ciencia pola diversidade das súas manifestacións clínicas, xa que a metástase pode localizarse en diferentes partes do organismo como os ósos, o fígado, o cerebro ou os pulmóns. E é que se calcula que o 30% das mulleres diagnosticadas en estadios temperáns sufrirán recaídas ao longo da súa vida. Neste sentido, o movemento de concienciación social #laMquefalta busca que o cancro de mama metastásico sexa xa unha realidade máis visible, pero queda moito por facer. Aínda é necesario que a conversación sobre o cancro de mama se complete coa “M” de metastásico e poñer no centro as necesidades dos pacientes.

NA área compostelá  diagnostícanse cada ano 450 casos de cancro de mama (a maioría en mulleres de entre 50 e 65 anos) 90 metastásicos. Aproximadamente a metade proceden do cribado do programa galego de detección precoz, e son detectados en estadíos iniciais.

 

Segundo os últimos datos rexistrados cada vez son máis as mulleres que participan neste cribado: máis dun 80% da poboación diana.  No ano 2021, o resultado final da avaliación mamográfica foi do 97% de mulleres con resultado de normalidade (negativo), mentres que preto do 3% das mulleres foron derivadas para unha valoración clínica adicional. O resultados indican taxas do 3,7% de diagnósticos de cancro por cada 1.000 mulleres (pero o 70% en estadíos precoces).

 

Neste senso lembrar que en Galicia ampliouse recentemente o rango de idade da poboación diana para participar no programa de detección precoz, que agora se estende ata os 74 anos de idade (antes ía dos 50 aos 70 e agora abrangue ata os 74). Santiago conta cunha nova unidade  de exploración no Clínico que empezou a funcionar este mes de outubro. 

 

Saúdos,

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud