​SANIDADE DESTACA O AUMENTO NOS ÚLTIMOS ANOS DO 60% NAS PRAZAS DE RESIDENTES QUE CHEGARÁN ÁS 638 NO VINDEIRO ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 11 2023


O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, resaltou hoxe, no acto de inauguración do II Congreso galego de formación sanitaria especializada que se celebra no Hospital Lucus Augusti, o notable compromiso que a Consellería de Sanidade demostrou nos últimos anos en materia de formación de graduados e postgraduados. En concreto, dixo que “hai seis anos había unha oferta de 404 prazas de residentes, e o vindeiro ano esta cifra elevarase a 638, o que representa un significativo aumento do 60%”. Este compromiso queda reflectido, tamén, no investimento anual de máis de 69 millóns de euros que Galicia destina á formación destes profesionais. O acto contou, así mesmo, coa presenza do xerente da área sanitaria, Ramón Ares.

O xerente de ACIS incidiu en que, no caso da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, nas últimas catro convocatorias “ofertáronse todas as prazas acreditadas, ademais de experimentar un notable aumento”. Isto tradúcese nun incremento de prazas, que pasa das 125 acreditadas e 82 ofertadas (un 65%) na convocatoria de 2006/07, ás 207 prazas acreditadas que se ofertan na súa totalidade (un 100%) nos dous últimos anos.

Tamén puxo en valor o esforzo das comisións de docencia para obter a acreditación do Ministerio de Sanidade para novas prazas. En 2023, “logramos a aprobación de 13 novas prazas, que se suman ás 82 obtidas o ano pasado”.

Nese esforzo de Sanidade na defensa e respaldo do labor docente, Fernández-Campa citou a regulación da ordenación do sistema de formación sanitaria especializada en Galicia. Así, a través de ACIS, desenvolveuse un decreto que regula a composición, funcións e adscricións das comisións de docencia; o recoñecemento da figura do xefe de estudos; a calidade docente e os incentivos e recoñecementos deste labor.

Subliñou tamén o xerente, a ferramenta informática SAVAR, destinada á xestión integral da formación sanitaria especializada en Galicia, liderada pola Subdirección Xeral de Tecnoloxías e Sistemas de Información da Consellería de Sanidade, así como por ACIS. Esta ferramenta permite a xestión de titores, colaboradores docentes e residentes, a xestión e avaliación de rotacións, o rexistro das actividades complementarias e as gardas dos residentes. 

Fernández-Campa incidiu en que a nova versión de SAVAR, prevista para as vindeiras semanas, permitirá elaborar automaticamente a avaliación completa anual e final dos residentes. Ademais, xerará certificados e méritos de titores e colaboradores docentes, aforrando importantes cargas de traballo ás unidades docentes.

Piar básico

Na súa intervención no acto, o xerente de ACIS dixo que a formación dos profesionais sanitarios “constitúe un piar básico no desenvolvemento do sistema sanitario público”. Segundo Fernández-Campa, “a formación sanitaria especializada adquiriu unha singular importancia na súa consolidación e calidade”. A iso hai que sumarlle “a posibilidade de fomentar a comunicación entre os profesionais das distintas áreas sanitarias, e entre os distintos actores como xefes de estudos, titores, colaboradores, docentes e residentes”. 

O éxito do noso sistema de saúde, -proseguiu o xerente-, “está nos nosos residentes e, polo tanto, a Administración sanitaria debe favorecer que os profesionais que exercen como titores melloren as súas competencias”, realizando actividades de formación continua relacionadas co coñecemento e a aprendizaxe de métodos  educativos, técnicas de comunicación, metodoloxía da investigación, xestión de calidade, motivación e aspectos éticos.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud