AS NOVAS TECNOLOXÍAS, PILAR CLAVE PARA MELLORAR O CONTROL GLUCÉMICO E A CALIDADE DE VIDA DAS PERSOAS CON DIABETES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 11 2023

O Hotel Attica21 acollerá o vindeiro sábado dia 11 de novembro o “Diabetes Evolution 2023”, un evento dedicado exclusivamente ao tratamento e os avances da diabetes, principalmente a diabetes infantil e xuvenil, patoloxía que padecen en Galicia 5 de cada 1.000 nenos.

O 14% da poboación española padece diabetes, o que supón case 6 millóns de persoas. E tanto a incidencia da diabetes tipo 2, a máis prevalente, cun 90-95% de casos, como da diabetes tipo 1, non deixa de crecer. En ambos casos, o control glucémico é determinante para mellorar a calidade de vida das persoas que a padecen. Para conseguilo, “nos últimos anos está a producirse unha revolución en canto a innovacións terapéuticas e dispositivos tecnolóxicos que permiten que as persoas con diabetes leven unha vida normal. Non hai que esquecer que é unha enfermidade crónica e non é fácil convivir con ela”, sinala a doutora Teresa Martínez, xefa do Servizo de Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e coordinadora do evento Diabetes  Evolution.

Un encontro que, organizado polo Servizo Galego de Saúde e a Fundación de Endocrinoloxía e Nutrición Galega, volve reunir a profesionais sanitarios e persoas con diabetes de Galicia para analizar e reflexionar sobre a situación actual, os avances e os retos na abordaxe da diabetes. Todo co obxectivo de ter máis coñecemento e conseguir máis concienciación sobre este trastorno na Comunidade.

“Conseguir reducir o impacto da enfermidade, a intervención en diabetes, ademais de asegurar unha adecuada asistencia sanitaria, require de accións de prevención e promoción da saúde sobre os factores determinantes da enfermidade e unha adecuada educación nos pacientes para minimizar as súas repercusións cando xa está presente”, destaca a especialista do CHUAC.

Presente e futuro

Considerada unha pandemia pola Organización Mundial da Saúde (OMS), se non se controla de forma adecuada a diabetes pode producir complicacións asociadas moi graves. Enfermidades cardiovasculares, trastornos renais ou retinopatía diabética con perda de visión son algunhas das patoloxías que fan máis dependentes ás persoas que as padecen.

Con todo, os relevantes avances científicos son esperanzadores. “Novidades terapéuticas que cambian a vida das persoas”, afirma a doutora Martínez. Esta explica que xa hai importantes achegas. “Por unha banda, tratamentos máis fisiolóxicos, non dirixidos exclusivamente a reducir os niveis de glucosa, senón a traballar en todo o que supón a diabetes, a resistencia á insulina, a inflamación, etc. E, por outro, melloras a nivel técnico dos dispositivos, ata o de agora máis utilizados en diabetes tipo 1, pero que están a entrar de cheo na diabetes tipo 2”.

Entre estes dispositivos atópanse: os sensores de glucosa, que miden de forma constante os niveis desta e avisan cunha alarma cando se vai a chegar a un nivel perigoso, as bombas de insulina e os sistemas integrados. “Estes últimos, que unen a bomba cun sensor, son a evolución cara ao páncreas artificial. Con todo, hai que seguir investigando”, indica a doutora Martínez.

Cambio de hábitos

Esta doutora recoñece a dificultade para conseguir cambiar o estilo de vida da persoa con diabetes. Respecto aos hábitos nutricionais coincide en que “a nosa dieta mediterránea está a consolidarse como o patrón de dieta que ofrece máis beneficios. Pero sempre establecendo obxectivos individualizados”.

Sobre o exercicio físico, matizan que “o mesmo dependerá da idade, o nivel de adestramento físico e a existencia doutras patoloxías. En xeral, recoméndase realizar exercicio físico moderado durante 30  min polo menos 3-5 días á semana. Por exemplo, camiñar a diario”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud