RUEDA ANUNCIA A INCORPORACIÓN DE SETE NOVAS PATOLOXÍAS AO SISTEMA DE GARANTÍA DE TEMPOS MÁXIMOS DE ACCESO ÁS PRESTACIÓNS SANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 11 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a incorporación de sete patoloxías novas ao sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias. Deste xeito, destacou que se elevan, ata acadar as 115, o número de patoloxías graves que van ter garantido o acceso a unha primeira consulta de especialista e a unha proba diagnóstica en menos de 45 días, e a unha intervención cirúrxica en menos de 60 días, ademais de oito vías rápidas.

O mandatario galego salientou a importancia desta ampliación para dar prioridade aos pacientes con pataloxías máis graves ou maior risco de complicación. Así, en concreto, detallou que se incorporan tres patoloxías relacionadas coa saúde das mulleres (neoplasia maligna de útero, displasia de colo uterino e displasia vulvar leve e moderada), así como catro tipos de linfomas (linfoma de Hodking, folicular, linfoma non folicular e linfoma de células T/NK maduras).

Igualmente, precisou que se engaden ao sistema de garantías as novas vías rápidas para primeiras consultas externas hospitalarias de cancro de endometrio e de onco-hematoloxía, creadas nos últimos anos pero que aínda non tiñan blindadas normativamente as súas garantías.

Ademais, no ámbito da atención a lesións potencialmente malignas do aparello reprodutor feminino, garántense as primeiras probas diagnósticas ou terapéuticas programadas e non urxentes no prazo máximo de 45 días. En concreto, o informe anatomopatolóxico da biopsia endometrial, a histeroscopia, o TAC e as probas de estadiaxe. Aínda así, como no caso de todas as vías rápidas fixadas, o obxectivo do Servizo Galego de Saúde é non superar unha media de 15 días.

O éxito deste sistema implantado en 2018, con máis de 270.000 pacientes beneficiados, leva á Xunta a actualizar seis anos despois este decreto para ampliar as patoloxías recollidas. Unha ampliación solicitada ademais polo Parlamento de Galicia nunha iniciativa aprobada hai un ano sen ningún voto en contra.

O presidente apuntou que, no caso de non ser posible cumprir cos prazos establecidos por lei, o paciente poderá ser derivado á privada tanto para as consultas como para a operación. En todo caso, salientou o feito de que no seis anos que leva en vigor o decreto, “o 100 % dos pacientes beneficiados por esta lei foron atendidos pola sanidade pública”.

Aposta pola organización baseada nas prioridades clínicas

Desde a entrada en vigor en 2018 do Decreto polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas, beneficiáronse 272.749 persoas. Máis polo miúdo, con datos a 3 de novembro, atendéronse nos prazos máximos fixados 61.813 persoas para cirurxías, 109.567 en consultas externas e realizáronse 101.369 probas diagnósticas e/ou terapéuticas.

Ata o momento fixáranse como patoloxías con tempos garantidos as patoloxías oncolóxicas malignas, insuficiencia aórtica, aneurismas cerebrais, neoplasias, carcinomas, hidrocefalia ou desprendemento de retina.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud