​APROBADOS OS NOVOS ESTATUTOS DAS FUNDACIÓNS DE INVESTIGACIÓN SANITARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 11 2023


A Xunta de Galicia continúa a levar a cabo os actos necesarios para que a incorporación das fundacións de investigación sanitaria ao sector público autonómico sexa efectiva, e por iso se teñen aprobados, nesta semana, nos respectivos padroados das mesmas, as modificacións dos seus estatutos para a súa adaptación a este cambio. 

Cómpre remarcar que, tendo en conta esta previsión, no proxecto de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2024 se incorporaron por primeira vez estas tres fundacións, cos seguintes orzamentos: Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, (FIDIS), 22,7 millóns; Fundación Profesor Novoa Santos, 10,5 millóns; e Fundación Biomédica Galicia Sur, 10 millóns; o que supón un  investimento total de 43,2 millóns.

Tras a aprobación destes novos estatutos, e pendentes da aprobación posterior dos mesmos polo Consello da Xunta, completarase o proceso de incorporación ao sector público autonómico destas institucións. Deste xeito, estas fundacións cambiarán o seu nome e pasarán a denominarse:

Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, cun ámbito de actuación nas áreas sanitarias da Coruña e Cee; e de Ferrol. 

Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, cun ámbito de actuación nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Barbanza; e de Lugo a Mariña e Monforte de Lemos. 

Fundación Pública Galega de investigación Biomédica Galicia Sur, cun ámbito de actuación nas áreas sanitarias de Vigo; de Pontevedra e O Salnés; e de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. 

Dende o momento da súa incorporación ao sector público autonómico, o persoal destas fundacións terá a consideración de empregado público de saúde, tal e como se recolle no artigo 108 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Obxecto das fundacións

O artigo 45 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, recolleu a incorporación das Fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria de Galicia do Sistema Público de Saúde, no sector público autonómico, para os efectos do establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.  

O obxecto destas fundacións é impulsar a investigación, a docencia, o desenvolvemento científico-tecnolóxico e a innovación no ámbito sanitario e en ciencias da saúde, servindo de apoio, asesoramento e xestión aos profesionais e investigadores das distintas áreas sanitarias. 

Estas institucións teñen unha especial importancia dentro do ecosistema de investigación sanitaria de Galicia, dado que son as entidades que xestionan os Institutos de Investigación a través dos cales se promove a colaboración coas universidades galegas en proxectos de investigación e a utilización conxunta de infraestruturas científicas.  

Altos indicadores científicos

Os tres Institutos de Investigación que existen en Galicia están acreditados polo Instituto de Salud Carlos III, de conformidade co previsto no Real Decreto 279/2016, o que recoñece os altos indicadores científicos dos mesmos e garante a calidade do traballo realizado por investigadores clínicos e básicos, e supón a confirmación obxectiva da existencia de grupos básicos e clínicos con excelencia investigadora, así como a existencia dunha adecuada infraestrutura de xestión e apoio á investigación.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud