​A XUNTA INICIA O CRIBADO POBOACIONAL DE CANCRO DE CÉRVIX NA ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E BARBANZA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 11 2023
 

 

Santiago, novembro de 2023.- As mulleres da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza poden beneficiarse xa do programa poboacional de cribado de cancro de cérvix, destinado a 104.503  mulleres da área con idades comprendidas entre os 35 e os 65 anos, e que ten por obxectivo reducir a morbi-mortalidade e a incidencia deste cancro entre a poboación galega.

As modalidades de acceso ao Programa son por invitación desde a dirección de Saúde pública da Consellería de Sanidade ou informando á muller na súa consulta co profesional sanitario.

Coa extensión desta iniciativa á area sanitaria compostelá, a administración sanitaria  continúa coa súa aposta pola prevención e a detección precoz. Trátase dunha  acción preventiva para que o Servizo Galego de Saúde poida diagnosticar cada vez máis cedo unha patoloxía que, na actualidade, xa é o segundo cancro máis frecuente en mulleres.

Nesta patoloxía é especialmente importante este programa preventivo, porque é unha enfermidade que non produce síntomas polo que adoita diagnosticarse en estadios moi avanzados. A detección precoz, cando aínda non hai síntomas, permite aumentar as posibilidades de curación. Ademais, as probas realizadas tamén permiten detectar as lesións premalignas evitando que evolucionen a cancro, polo que se pode previr a súa evolución.

Participación: autotoma o cita médica

O cancro de cérvix é o que afecta ao colo do útero. A causa principal deste cancro é a infección polo Virus do Papiloma Humano (VPH).

 

Así, a primeira proba de cribado é a detección de infección por VPH-AR que, de resultar positiva, requiriría unha citoloxía posterior. A detección da infección realízase mediante unha proba moi sinxela e indolora que, a diferencia da citoloxía, pode ser realizada  tanto nun centro sanitario como pola propia muller no seu domicilio. Isto é posible porque o virus se detecta no fluído vaxinal e non é necesario coller as células do colo de útero.

Polo tanto, as mulleres decidirán a súa modalidade de participación: se elixen a  autotoma se lles enviará un kit co material e a información necesaria para que poidan realizarse a proba correctamente. Se prefiren que a proba se a realice un profesional sanitario, se lle dará cita co matrón ou matrona do seu centro de saúde.

Citoloxías

Se a proba do VPH é positiva e detecta a infección, o seguinte paso é verificar que non hai anomalías nestas células, polo que é preciso facer unha citoloxía para recoller as células do colo de útero.

 

No caso de que a mostra fose tomada por persoal sanitario,  a citoloxía pode realizase na mesma mostra, sen que a muller teña que volver ao centro de saúde. Se, pola contra, a toma realizouna a propia muller, esta terá que acudir ao centro de saúde para facer a citoloxía. Se calcula que aproximadamente un 7% destas probas serán positivas e as mulleres terán que realizarse unha citoloxía.

 

Se o resultado da citoloxía é anormal á muller será citada para un estudo xinecolóxico máis detallado para descartar a presenza dunha lesión premaligna ou maligna do colo de útero.

 

En canto á comunicación dos resultados, se non hai anomalía na proba realizada, a muller recibirá un SMS co resultado de “normalidade”; mentres que se precisa realizar algunha outra proba recibirá unha carta coa correspondente cita. 

Toda a información referente a como participar no programa poboacional de cribado de cancro de cérvix estará dispoñible na web do Servizo Galego de Saúde.

 

 

 

 

Saúdos do Gabinete de Comunicación 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud