GALICIA RECIBE O PREMIO MERCO AO LIDERADO REPUTACIONAL EN ONCOLOXÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 11 2023

Galicia foi elixida gañadora do Premio MERCO, que entregou en Madrid o Observatorio da Saúde, na categoría de Liderado reputacional no ámbito das administracións en oncoloxía, motivado pola Estratexia de xestión do cancro en Galicia 2022-2028. 

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, recolleu o premio que recoñece o desenvolvemento da próxima posta en marcha do Centro de fabricación de terapias avanzadas (CAR-T) de Galicia para elaborar novos fármacos innovadores contra o cancro e fomentar a atención personalizada dos pacientes, cun investimento inicial de 2,5 millóns de euros. 

Na mesma liña, a Xunta ten en marcha a obra, en Santiago de Compostela, do Centro de protonterapia –unha  técnica menos invasiva na loita contra os tumores– que fará que Galicia estará á vangarda ao ofrecelo a pacientes da sanidade pública, tanto aos galegos como aos de Castela e León e, previsiblemente, os de Asturias. 

A día de hoxe, o Servizo Galego de Saúde dispón de vías rápidas para o diagnóstico de sete tipos de cancro (pulmón, mama, colorrectal, próstata, vexiga, cabeza e pescozo e melanoma) e, no Consello da Xunta da pasada semana, incorporou as vías rápidas de cancro de endometrio e onco-hematoloxía.

Ademais, o próximo ano a Xunta porá en marcha o Proxecto Xenoma Galicia, co que recompilará o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco e, dando un paso máis, faranse cribados específicos para previr determinados cancros. Actualmente, a Dirección Xeral de Saúde Pública desenvolve cribados de cancro de mama e colorrectal, ademais de ter estendido ás mulleres de toda Galicia o cribado de cancro de cérvix. Do mesmo xeito, Galicia tamén participa no proxecto europeo PRAISE-U para o desenvolvemento dun programa de detección precoz de cancro de próstata.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud