O SERGAS CONVÉRTESE NO PRIMEIRO SERVIZO SANITARIO QUE RESOLVE O PROCESO SELECTIVO DE ESTABILIZACIÓN, POR CONCURSO DE MÉRITOS, NA CATEGORÍA DE ENFERMERIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 11 2023
 


O Servizo Galego de Saúde vén de converterse no primeiro servizo sanitario do Sistema Nacional de Saúde que resolve o proceso de estabilización da categoría de enfermería, por concurso de méritos.

O Diario Oficial de Galicia (DOG), publica na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo ás/aos aspirantes seleccionadas/os no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, na categoría de enfermeira/o.

Neste proceso, participaron máis de 2.000 profesionais para o acceso -sen exame- a 459 prazas. Así, a baremación dos méritos de todos aspirantes, e a resolución do mesmo realizouse en menos de nove meses, tendo en conta a data ata a que se podía inscribir no proceso grazas ao expediente electrónico profesional (FIDES) que permite unha baremación automatizada trala validación dos méritos polos servizos de persoal das áreas.

Isto supón a incorporación de 459 enfermeiras/os ás institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia, con condición de persoal fixo, reducindo o número de persoal temporal, e dotando de maior estabilidade ás plantillas do Servizo Galego de Saúde. 

Da totalidade de aspirantes nomeados a persoal estatutario fixo, 427 accederon pola quenda de acceso libre, e 32 pola quenda de discapacidade. Así mesmo, do total de aspirantes nomeadas/os con vínculo de fixeza, o 95,21% están vinculados actualmente ao Servizo Galego de Saúde, e o 92,81% son mulleres. 

Coa resolución publicada no día de hoxe finaliza o proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo na categoría de Enfermería. Os aspirantes nomeados disporán desde mañá do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada ata o 14 de decembro. Finalizado este prazo e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de que as persoas seleccionadas por diversos motivos non tomen posesión da praza ou sexan declarados en situación de excedencia sen dereito a reserva de praza, cubrirase a baixa coa persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación na relación de persoas seleccionadas.

Estas prazas 459 prazas ofertadas na categoría de enfermeira/o polo sistema de concurso de méritos súmanse as 1.556 ofertadas na mesma categoría mediante o sistema de concurso-oposición que realizaron os exames o pasado mes de xuño estando pendente de realizar a fase de concurso. 

Rematados ambos procesos, un total de 2.015 enfermeiras/os accederán á condición de persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde en prazas de hospitais das distintas áreas sanitarias. A incorporación realizarase nas propias prazas ocupadas polo persoal interino que aproba así como en vacantes pendentes de cobertura polo que non se producirá ningún cesamento. 

Melloras laborais e retributivas

O Servizo Galego de Saúde continúa a traballar nas melloras laborais e retributivas dos seus cadros profesionais. Así, e tras o acordo unánime cos sindicatos do sector sanitario do pasado mes de abril, a Xunta acordou o máis importante avance neste eido dos últimos 15 anos.

Entre os puntos máis significativos das melloras destacan: a redución da carga laboral e a presencialidade derivada da redución de xornada con 10 días menos en 2024, e 16 en 2025. Así mesmo, os complementos de domingos e festivos teñen un incremento do 15,6%, pasando dos 74’06€ aos 85’61 euros (módulos de 7 horas), aplicando este prezo ás noites de sábado e vésperas de festivos.

Ademais, as gardas nos días laborais, noites e turnicidade teñen un incremento do 7’9%, pasando de 44’5 a 48 euros (modulo de 10h). Os días de especiais significación (24 e 31 de decembro) pasan a ser retribuídas para todo o persoal, e contémplanse novos complementos para as quendas de tarde e deslizantes en Atención Primaria.

A configuración dos venres como domingos e festivos pasa dos 44’5 euros aos 85’61 (modulo 7h). A súa aplicación comezou en xullo do presente ano e continuará progresivamente durante o ano 2024 e 2025.

Como resultado desta medidas retributivas, as condicións de traballo no sector sanitario público de Galicia sitúana entre os primeiros postos das 17 autonomías, e na primeira posición no que atinxe ás noites que os profesionais de enfermería realizan nos Puntos de Atención Continuada. Ademais, ocupa a 4º posición no referido as xornadas prefestivas e festivas, e o 7º posto en prezo de gardas de todo o Sistema Nacional de Saúde.

Así, a Xunta continuará promovendo nas áreas de vinculación os nomeamentos de continuidade de 3 anos para evitar contratos curtos, e tamén deu un importante impulso á Enfermería especializada con case 1.000 profesionais xa vinculadas no cadros de profesionais.

Próximas publicacións

Nos próximos días publicarase o nomeamento como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino definitivo de 42 médicos/as de familia de atención primaria, aspirantes definitivamente seleccionados no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos. 

Este será o segundo proceso de estabilización resolto por este sistema de concurso.

Así tamén, en próximos días se resolverá o concurso de traslados anual que conleva a mobilidade de mais de 900 profesionais, que obterán novos destinos mais acordes cos seus intereses profesionais e de conciliación da vida persoal e profesional. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud