A CORUÑA ACOLLE A VIII EDICIÓN DO CURSO DE PATOLOXÍA DE XEONLLO QUE ORGANIZA O SERVIZO DE TRAUMATOLOXÍA DO CHUAC
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 11 2023
Entre hoxe xoves día 16 e mañá día 17, o Hotel Attica 21 acolle unha nova edición do curso de patoloxía de xeonllo que, organizado polo Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, reunirá na nosa cidade aos máis destacados expertos desta disciplina de todo o territorio nacional.

O curso será inaugurado por Luis Verde Remeseiro, xerente da Área sanitaria da Coruña e Cee, e polos doutores Ramón Antelo e Benedicto Novoa, xefe do Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía e xefe da Unidade de Xeonllo de dito centro, respectivamente.

Os temas que se debaterán ao longo do curso dividiranse en catro mesas. Na xornada do xoves as discusións centraranse nas lesións e tratamentos dos ligamentos do xeonllo, tanto laterais como cruzados. Xa na xornada do venres os expertos debaterán a abordaxe e a revisión das próteses totais de xeonllo, onde destacará a mesa sobre as técnicas cirúrxicas robóticas na patoloxía de xeonllo.

A utilización do sistema de cirurxía robótica para a substitución de xeonllo e de cadeira demostrou ser a máis vantaxosa para o doente comparadas coas técnicas manuais, supoñendo unha maior exactitude e precisión á hora de planificar a posición e o tamaño do implante, ademais de supoñer menor sangrado durante a cirurxía, menor dor postoperatoria, menor tempo de recuperación e de estancia hospitalaria e unha diminución das complicacións.

A artroplastia total de xeonllo é, actualmente, un dos procesos cirúrxicos de máis alta prevalenza en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, demostrando ser altamente efectivo á hora de mellorar a dor e a calidade de vida dos doentes con patoloxía dexenerativa ou inflamatoria de dita articulación.

A patoloxía de xeonllo en cifras

O servizo de cirurxía ortopédica e traumatoloxía do CHUAC implanta ao redor de 600 próteses de xeonllo ao ano. A isto hai que engadir as cirurxías realizadas por fracaso ou desgaste da propia prótese, o que supón unhas 100 cirurxías anuais máis.

A incidencia das lesións meniscais agudas é de 61 por cada 100.000 habitantes, e un 33% destas están asociadas a roturas de ligamento cruzado anterior.

En canto a sexos, a proporción homes/mulleres é de 2,5/4. En pacientes con idades superiores aos 65 anos as roturas meniscais de tipo dexenerativo ascende ao 60%.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud