UNHA DELEGACIÓN DO SERGAS VISITA O PARLAMENTO EUROPEO PARA DAR A COÑECER A ESTRATEXIA DE ECONOMÍA CIRCULAR DO DEPARTAMENTO SANITARIO GALEGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 11 2023

O grupo de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde, encabezados pola vicexerente do Sergas, Carmen Balboa; e pola xerente de Galaria, Rocío Mosquera, vén de visitar esta semana o Parlamento Europeo, para dar a coñecer a Estratexia de Economía Circular 2030 do departamento sanitario galego, que presentou o pasado mes de setembro o presidente da Xunta.

A Estratexia busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador e impulsor dunha transformación cultural baseada na sustentabilidade. Esta iniciativa recolle unha serie de medidas que permitirán aforrar custes, acadar unha maior eficiencia e mermar as emisións en todas as instalacións sanitarias. Entre os obxectivos concretos está reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO2 ata 2030, é dicir, o equivalente a plantar máis dun millón de árbores.

A delegación galega presentoulle a Estratexia de Economía Circular á eurodiputada Dolors Montserrat, responsable do ámbito da saúde, coa que abordaron os diferentes proxectos postos en marcha polo Sergas neste eido nas sete áreas sanitarias galegas. Na reunión tamén estivo presente o eurodiputado Francisco Millán Mon.

A delegación do Sergas mantivo, así mesmo, un encontro de traballo con Marcos Ros, responsable da New European Bauhaus, proxecto que aposta polas construcións sostibles para mellorar a calidade de vida, e no que o Sergas participa como socio, sendo o único do sistema sanitario europeo que o fai. 

Remarcar, así mesmo, que o sistema sanitario galego xa leva moito tempo traballando en materia de sustentabilidade. De feito, é pioneiro e un referente ao participar en diferentes iniciativas internacionais, neste campo.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud