GALICIA SEGUE A APOSTAR POLA SAÚDE CUN DOS CALENDARIOS DE INMUNIZACIÓN MÁIS COMPLETOS DO MUNDO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 11 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa intervención na inauguración da 11ª edición do Taller interactivo infectolóxico (TIPICO), remarcou o éxito das últimas incorporacións ao calendario de inmunización de Galicia que o fan un dos máis completos do mundo.

Así, a Xunta ten apostado por ampliar a cobertura vacinal en Galicia coa recente incorporación da inmunización ante a bronquiolite e as vacinas da meninxite B, o rotavirus e o herpes zóster, entre outras. En palabras de Comesaña, “o compromiso da Xunta de Galicia e da Consellería de Sanidade coa prevención da saúde da cidadanía galega a través das vacinas viuse reforzado estes últimos anos ao duplicar o investimento orzamentario desde 2021”.

Como exemplo do papel precursor de Galicia, o conselleiro de Sanidade lembrou o estudo clínico Galflu que está a desenvolver o Grupo de Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas (GENVIP) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública. 

Desde o inicio da campaña da gripe, a máis de 450.000 persoas de 65 a 79 anos que están a acudir á chamada á vacinación que fai a Xunta, se lles está a ofrecer voluntariamente recibir a versión da vacina de alta carga que na actualidade se lle administra a maiores de 80 anos. Así, con este estudo, valorarase se esta dose é igualmente beneficiosa para as persoas desta franxa de idade menor.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud