A XUNTA PON EN VALOR O TRABALLO DA SOCIEDADE GALEGA DE REHABILITACIÓN E MEDICINA FÍSICA NA FORMACIÓN DOS PROFESIONAIS E A DIVULGACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 11 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe o traballo que leva a cabo a Sociedade Galega de Rehabilitación e Medicina Física na formación dos profesionais e a divulgación. Así o sinalou o máximo responsable do Sergas, no acto de inauguración das XXXIX Xornadas desta sociedade. O titular da carteira sanitaria incidiu “na responsabilidade que supón o diagnóstico, avaliación e prevención á hora de facilitar, manter ou devolver o maior grao de capacidade funcional e independencia posible ao paciente”.

O conselleiro dixo que o sistema sanitario galego ten que afrontar o reto do avellentamento continuo da poboación, “é a estratexia para facelo céntrase en tres piares: maior prevención, máis profesionais e mellores infraestruturas”.

No apartado da prevención, Comesaña remarcou que, ao longo desta lexislatura, e grazas á aprobación do Plan de Obesidade Zero, “o Goberno galego triplicou o investimento en programas de prevención de estilos de vida saudables, ata superar o millón de euros”.

Polo que atinxe ao segundo dos piares, o do incremento dos profesionais, o conselleiro resaltou que a Xunta creará máis de 1.700 prazas no Sergas o vindeiro ano, “co obxectivo de consolidar o aumento do cadro de persoal derivado da pandemia”.

No que se refire a mellores infraestruturas, o terceiro dos piares, os proxectos do Goberno galego destinados a canalizar en tecnoloxía sanitaria os fondos europeos, “posibilitaron dotar por primeira vez de equipos de cirurxía ortopédica robótica aos hospitais de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela”.

Trátase, -subliñou o conselleiro-, “de logros colectivos do sistema sanitario galego, así como dos profesionais que forman parte del e da cidadanía da nosa comunidade”.

Proceso Asistencial Integrado 

Para rematar a súa intervención, Comesaña dixo que a Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación colaborou coa Consellería de Sanidade na elaboración do Proceso Asistencial Integrado en dano cerebral adquirido. Trátase dun proxecto que o departamento sanitario galego está a piques de presentar, “e que reflicte os logros dun traballo colectivo no que se implicou un grupo interdisciplinar de rehabilitadores, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas e logopedas”. Todo este proceso asistencial “mellorará o procedemento actual de atención a esta patoloxía, axustando os circuítos de derivación e establecendo protocolos comúns de diagnóstico, tratamento e seguimento”, -concluíu o conselleiro-.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud