GALICIA SITÚASE COMO A SEGUNDA COMUNIDADE AUTÓNOMA CON MELLORES DATOS DE LISTAS DE AGARDA PARA CIRURXÍAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 11 2023

O sistema sanitario público galego sitúase por primeira vez como o segundo con mellores tempos de espera media para acceder a unha intervención cirúrxica dentro do Sistema Nacional de Saúde.

Segundo o último informe publicado nas últimas horas polo Ministerio de Sanidade, cos datos do primeiro semestre do ano, o tempo medio de espera para cirurxías en Galicia é de 66 días, cando a media estatal está en 112 (é dicir, Galicia mantén 46 días menos que a media española). Como mostra da mellora específica na sanidade pública galega, mentres que a media nacional no última ano baixou unicamente nun día (dunha media de 113 días a 112), os datos de Galicia baixan notablemente de 75 días en xuño de 2022 á media actual de 66 días, nove días menos nun ano.

Así, a comunidade galega só se sitúa por detrás de Madrid (45 días) e mellora os datos do País Vasco (68 días), Navarra (75 días), Comunidade Valenciana (79) e Asturias (84). 

En canto á porcentaxe de pacientes que agardan máis de seis meses para unha intervención, Galicia mellora os seus propios resultados e convértese no segundo territorio nacional con mellores datos. Así, a cifra descende ata o 3,4% dos casos, soamente contando con mellores datos Madrid (0,6%). Neste apartado, a media estatal máis que quintuplica os baixos datos de Galicia dado que se sitúa no 17,4% dos casos.

A Xunta segue a traballar na procura de acadar os datos de lista de espera históricos do ano 2019, antes da pandemia. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradece o labor e esforzo do conxunto de profesionais do Servizo Galego de Saúde para poder conseguir estes resultados.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud