OS SERVIZOS DO SERGAS DE CIRURXÍA XERAL E DIXESTIVO, DE TRAUMATOLOXÍA E DE ANXIOLOXÍA E CIRURXÍA VASCULAR REXISTRAN OS SEGUNDOS MELLORES TEMPOS DE ESPERA DO SISTEMA NACIONAL DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 11 2023


O Servizo Galego de Saúde sitúase como o segundo mellor de España en canto a tempos de espera media nas especialidades de cirurxía xeral e dixestivo, de traumatoloxía e de anxioloxía e cirurxía vascular, tal e como se desprende dos datos publicados no último informe do Ministerio de Sanidade a 30 de xuño de 2023.

En detalle, o servizo de anxioloxía e cirurxía vascular mantén unha espera media de 48 días, só por detrás de Madrid (47). Igualmente, o servizo de cirurxía xeral e dixestivo en Galicia reduce a súa espera media a 55 días, sendo o segundo mellor dato tras Madrid (39). Do mesmo xeito, a espera media en traumatoloxía no sistema sanitario público galego é de 76 días, só mellorada por Madrid (50).

Na comparativa entre as listas de espera cirúrxicas das comunidades autónomas, Galicia rexistra os terceiros mellores datos a nivel nacional en uroloxía (59 días de media), cirurxía maxilofacial (67) e cirurxía plástica (94). En cuarta posición dentro do Sistema Nacional de Saúde, Galicia é cuarta en xinecoloxía (51) e oftalmoloxía (59) e ocupa o quinto lugar, entre as 17 comunidades autónomas e Ceuta e Melilla, nos servizos de otorrinolaringoloxía (72) e neurocirurxía (91).

Así, a nivel global, o Sergas sitúase como a segunda comunidade con mellores datos de listas de agarda para cirurxías de toda España.

Ademais dos tempos medios, son destacables os datos galegos no que atinxe á porcentaxe de pacientes que agardan máis de seis meses para unha operación. Nesa reducida porcentaxe, Galicia é líder nas especialidades de anxioloxía e cirurxía vascular (0,2% dos pacientes) e oftalmoloxía (0,1%), cando a media nacional é do 5,6% e e 15,6% respectivamente. Do mesmo xeito, o Sergas mantén o segundo lugar en cirurxía xeral e de dixestivo (1,8%), xinecoloxía (0,5%), traumatoloxía (5,8%), uroloxía (3%), cirurxía cardíaca (0,9%) e cirurxía plástica (12,5%). 

Estes datos  son o resultado do traballo realizado polos profesionais do Servizo Galego de Saúde e a Xunta agradece o esforzo realizado cada día polos equipos de profesionais de quirófano, cirurxiáns, persoal de enfermaría e celadores, entre outros. Así, a Consellería de Sanidade segue a traballar na procura de acadar os datos de lista de espera históricos do ano 2019.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud