A XUNTA CONSTATA O DESCENSO DA DENSIDADE DE MOSQUITO TIGRE POLA BAIXADA DAS TEMPERATURAS E AS INTENSAS CHUVIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 11 2023

O comité técnico do mosquito tigre celebrou, convocada pola Consellería de Sanidade, a súa derradeira xuntanza do ano despois da detección deste vector no mes de agosto en Moaña. Nela, informouse do estado actual da situación do mosquito Aedes albopictus en Galicia e, tal e como prevían os especialistas, a a baixada das temperaturas e a chegada de chuvias intensas fixo que a densidade dos mosquitos descendese considerablemente segundo os datos do trampeo realizado pola Rede galega de vixilancia de vectores (ReGaViVec).

A esta nova reunión asistiron profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública do ámbito da epidemioloxía e saúde ambiental, investigadores expertos en entomoloxía da USC e UVigo, profesionais da área de Gandaría da Consellería do Medio Rural, representantes de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 112-Galicia, da área sanitaria de Vigo, da xefatura territorial de Sanidade, da Deputación de Pontevedra, de Sanidade Exterior e dos Concellos nos que se detectou a presenza de mosquito tigre (Moaña, Vigo, Cangas, Redondela e Vilaboa).

Os participantes no comité expuxeron as actuacións levadas a cabo desde outubro para o control do vector, entre as que destacan labores de vixilancia e información a diferentes colectivos profesionais e á cidadanía.

Ademais, sinalouse que ata finais de novembro seguirán a realizarse mostraxes dentro da vixilancia realizada pola ReGaViVec e se estudará a conveniencia de manter trampas como vixilancia sentinela nos concellos que tiveron unha maior incidencia.

Por último, de cara ao ano 2024, acordouse deseñar campañas de información e concienciación cidadá, artellar unha rede de vixilancia en colaboración cos Concellos e seguir fomentando diferentes tipos de colaboración cos responsables de Mosquito Alert. Así mesmo seguirase a traballar na implantación dos programas de xestión integrada do vector Aedes albopictus a nivel municipal, tal e como se prevé no Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control das Enfermidades Transmitidas por Vectores, publicado polo Ministerio de Sanidade en abril do 2023.

Dende o comité agradeceuse a colaboración cidadá realizada a través da plataforma Mosquito Alert, coa que colabora a rede ReGaViVec, integrada polas Consellerías de Sanidade e Medio Rural, ademais das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud