A SANIDADE PÚBLICA GALEGA GALARDOADA CON SEIS PREMIOS E UNHA MENCIÓN DE HONRA NOS BEST IN CLASS 2023
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 11 2023

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, asistiu hoxe, en Valencia, ao acto de entrega dos Premios Best in Class, iniciativa promovida pola publicación Gaceta Médica e a Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos, e que teñen como obxectivo recoñecer publicamente ao mellor centro de atención primaria, ao mellor hospital e aos mellores servizos e unidades do territorio nacional, tanto públicos como privados, que buscan a excelencia na atención que prestan aos seus pacientes. 

Na edición deste ano, a sanidade pública galega recibiu seis premios e unha mención de honra, sendo o Servizo Galego de Saúde unha das institucións que máis ganadores conseguiu. En concreto, os departamentos públicos galegos premiados foron, no apartado de mellor organización integrada en atención primaria, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. O premio foi recollido polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Flores Arias, quen estivo acompañado por membros do seu equipo directivo e persoal sanitario da área que dirixe.

O mellor hospital de complexidade alta resultou elixido o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; cuxo galardón tamén recolleu o doutor José Flores Arias, xerente desta área sanitaria, na compaña de diversos membros do equipo directivo e persoal sanitario da mesma.

No apartado de mellor servizo de enfermidades infecciosas, o ganador foi o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, cuxo premio foi recollido polo xefe de servizo de Pediatría, Federico Martinón Torres, acompañado da xerente da área sanitaria, Eloína Núñez.

A mellor unidade de dor foi elixida a do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, sendo recollido o premio por Aurora de la Iglesia López, coordinadora desta unidade.

O mellor servizo en Xinecoloxía e Obstetricia foi o do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, cuxo premio recolleu Belén López Viñas, xefa deste servizo.

O mellor servizo de Cardioloxía resultou elixido o do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. O doutor José Ramón González Juanatey, xefe deste servizo, recolleu o galardón, quen estivo acompañado pola xerente desta área sanitaria, Eloína Núñez Masid.

A mención de honra ao mellor servizo de medicina intensiva/UCI foi para o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. O doutor Julián Álvarez Escudero, xefe do Servizo de Anestesioloxía e Reanimación, foi o encargado da súa recollida, quen estivo acompañado pola xerente da área sanitaria, Eloína Núñez Masid.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud