SANIDADE LEMBRA AS CAMPAÑAS DE VACINACIÓN QUE MANTÉN ACTIVAS E OS LUGARES ONDE ACUDIR A VACINARSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 11 2023
 

A Dirección Xeral de Saúde Pública mantén activas diversas campañas de vacinación fronte a gripe e a covid-19, con diferentes grupos diana como destinatarios.

Así, e do mesmo xeito que durante a pasada fin de semana, co ánimo de facilitar o acompañamento dos pais e nais á vacinación fronte a gripe dos seus fillos (con idades entre 6 e os 59 meses), Sanidade citou aos nenos e nenas deste tramo de idade, para que durante as xornadas do sábado e domingo, acudan aos hospitais da Coruña, Vigo, Santiago, Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Previamente, o departamento sanitario da Xunta enviou SMS aos proxenitores dos menores con estas idades, informando sobre a súa cita para vacinarse da gripe, xa que se recomenda de forma sistemática nesta idade. 

Ademais, cómpre lembrar que a vacinación fronte á gripe para estas idades continúa aberta de luns a venres en todas as áreas sanitarias. Non obstante, no caso de querer vacinarse durante a semana, deberase solicitar cita, ben sexa nos centros de saúde, ou ben a través da aplicación Sergas Móbil.

Convocatoria especial:  80 e máis anos

A vacinación desta franxa de idade comezou o 16 de outubro e, de xeito habitual, realízase nos centros de saúde de cabeceira, de luns a venres.

Con todo, a Consellería de Sanidade artellou para a xornada deste domingo (26 de novembro) unha convocatoria especial para que aquelas persoas que, con 80 ou máis anos, aínda non recibirán as vacinas da gripe e da covid-19. Neste senso, poderán acudir aos grandes recintos, de cadansúa área sanitaria, e recibir as correspondentes doses.

Autocita grupos con patoloxías de risco

Seguindo coa vacinación da gripe e da covid-19, desde o pasado 16 de novembro Sanidade mantén habilitado o sistema de autocita para as persoas con 12 ou máis anos, e que estean inseridas nos grupos con patoloxías de risco, mulleres durante o embarazo e puerperio, persoal de servizos esenciais, conviventes de persoas de risco etc. Así, este grupo poboacional poderá acudir a vacinarse, previa autocita, aos grandes recintos de vacinación.

Así mesmo, no caso das persoas con condicións de risco, e idades comprendidas entre os 6 meses e os 11 anos, desde o pasado 18 de novembro tamén poderán facer uso da autocita para vacinarse,  aínda que neste caso, a vacinación terá nos hospitais da rede sanitaria pública galega.

Ensaio GALFLU

O pasado mes de outubro, a colaboración entre o IDIS e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade poñía en funcionamento o Proxecto GALFLU, para avaliar a eficacia da vacina de gripe de alta carga na poboación entre 65 e 79 anos.

Así, o vindeiro domingo día 26 novembro finalizará esta ensaio clínico no que xa participaron máis de 59.300 galegos e galegas, e que se realizou no conxunto de  áreas sanitarias da Comunidade.

Con este estudo pioneiro, preténdese valorar se a vacina de alta dose é máis efectiva que a vacina de dose estándar á hora de reducir os casos de gripe, hospitalizacións e complicacións asociadas nas persoas de 65 a 79 anos, nas que de maneira rutineira administraríase a vacina fronte á gripe de dose estándar.  A súa implementación supuxo un grande reto, ao tratarse dun dos estudos de maior dimensión realizado en España. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud