O PROGRAMA ‘URXENCIAS VIHXIA’ INICIADO ESTE ANO POLA XUNTA DETECTOU XA TRES CASOS DE INFECCIÓN POR VIH NOS HOSPITAIS GALEGOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 12 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou, durante o acto do Día mundial da sida, dos avances do programa ‘Urxencias VIHXIA’ posto en marcha pola Xunta este mesmo ano, despois dunha pilotaxe previa en Vigo, e que xa posibilitou a detección de tres casos de infección por VIH nos servizos de Urxencias dos hospitais galegos. En concreto, este programa de detección precoz do VIH deu resultado nas áreas sanitarias da Coruña e Cee, Vigo e Santiago de Compostela e Barbanza.

Na mesma liña de prevención, o conselleiro de Sanidade adiantou a intención da Xunta de replicar noutras cidades o proxecto piloto ‘VIHXIA Móbil’, posto en marcha na cidade da Coruña en colaboración co Comité antisida CASCO. Así, achégase a lugares de ocio nocturno e outros puntos de interese a posibilidade de realizar probas rápidas para a detección precoz de VIH e Hepatite C a través de mostras de saliva.

Así, a Consellería de Sanidade centra os seus esforzos na detección precoz do VIH xa que, sen variacións significativas ano a ano, o 50 % dos novos casos de infección presentan diagnóstico tardío. 

Estas novas fórmulas de prevención da Sida iniciadas pola Xunta seguen o espírito innovador do persoal da sanidade pública galega que foi galardoado na edición de 2023 dos Premios de investigación sobre VIH e outras infeccións de transmisión sexual, convocados pola Consellería. Este ano recibiu o primeiro premio o doutor Antonio Antela López, do servizo de Medicina interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, polo seu artigo titulado ‘Resultados informados polos pacientes na infección polo VIH: puntos a considerar e desafíos’. En segundo lugar, foi recoñecido o traballo do doutor Alexandre Pérez González, do servizo de Medicina interna do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, polo seu artigo ‘Experiencia de cohortes da vida real despois de implementar a profilaxis previa á exposición ao VIH durante un ano no noroeste de España’. Ademais, acadaron sendos accésits a bicrobióloga Raquel Carballo Fernández, polo se traballo no CHUVI titulado ‘Gran aumento da Neisseria gonorrhoeae resistente á azitromicina no norte de España’, e a facultativa Hortensia Álvarez Díaz, do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, polo seu artigo ‘Predictores de viremia de baixo nivel  de VIH e fracaso virolóxico na era dos inhibidores de integrasas: unha cohorte nacional española’.

Publicado o informe anual de VIH en Galicia

Tras dar conta esta semana ante o Consello da Xunta do informe anual de VIH e outras Infeccións de transmisión sexual (ITS) en Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública facilita a consulta dos datos epidemiolóxicos de 2022 para o coñecemento da poboación en xeral e dos propios investigadores sanitarios. 

Nese informe, constátase que o pasado ano a incidencia de VIH en Galicia foi de 4,1 infeccións por 100.000 habitantes, con 109 casos. Esta cifra é moito menor ao ano 2021 en toda España, que foi de 7,4 casos. Aínda así, a Xunta segue a promover o uso do preservativo, masculino ou feminino, como práctica de sexo seguro para evitar infeccións, posto que o 80% dos casos de infección de VIH se transmite por medio de relacións sexuais.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud