Coincidindo co Día Mundial do Voluntariado, a Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares (ASOTRAME) instala, a partir do martes 5 de decembro e ata despois do Nadal, unha exposición ao aire libre nas inmediacións da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), no Monte da Condesa. Será un itinerario ao longo de varias balizas nas que se dan respostas ás preguntas máis frecuentes que se fai a cidadanía sobre a doazón e se lle pon cara a ex pacientes que salvaron a súa vida grazas a un transplante de medula ósea.
A iniciativa, resultado da colaboración da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e ASOTRAME, amosa os pasos que hai que seguir para converterse en doante de medula ósea, así como as testemuñas de persoas que foron receptoras dun transplante.
Desta maneira, a mostra convértese nun chamamento a potenciais doantes, persoas entre 18 e 40 anos, para que se sumen ao Rexistro de Doantes de Medula Ósea (REDMO), ao que se recorre cando non existen familiares compatibles, o 70% dos casos. Ademais, todas as persoas que queiran ampliar información sobre a doazón poden solicitala acudindo as instalacións de ADOS, ou a través do correo doadoressangue.ados@sergas.gal e no teléfono 900 100 828.