​A XERENCIA DA ÁREA SANITARIA MANTÉN UN PRIMEIRO ENCONTRO CO PERSOAL EMÉRITO COMPOSTELÁ NOMEADO POLO SERGAS, MIGUEL ÁNGEL CAÍNZOS E DARÍO DURÁN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 12 2023


-         Santiago de Compostela, 19 de decembro 2023.- A xerente e o director asistencial da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez e Alfonso  Varela reuníronse esta mañá cos dous profesionais composteláns nomeados emérito polo SERGAS, Miguel Caínzos e Darío Durán.

Así, o Diario Oficial de Galicia na súa edición do pasado 4 de decembro, publica unha Resolución da Consellería de Sanidade pola que se nomea persoal emérito do Sergas polo período dun ano, ou ata que cumpran 72, a Miguel Ángel Caínzos Fernández, especialista en cirurxía xeral e do aparello dixestivo da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e a Darío Nicolás Durán Muñoz, especialista en cirurxía cardiovascular da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza xunto a 2 profesionais máis doutras áreas sanitarias galegas.

Con este nomeamento, o departamento sanitario galego recoñece o prestixio e a importancia de profesionais sanitarios xubilados, e facilítase durante o período de tempo establecido e mentres as condicións de saúde llelo permitan, a existencia dunha relación activa coa institución sanitaria de adscrición, realizando funcións de consultaría, asesoría e formación, aproveitando desa forma a experiencia e os coñecementos adquiridos durante a vida laboral.  A Orde de 27 de xullo de 2010 establece que o nomeamento de persoal emérito que se pode realizar anualmente será como máximo de seis persoas.

Para a designación deste persoal avalíase o CV dos candidatos así como o proxecto de traballo a desenvolver durante o período de vixencia no nomeamento.

Así, o proxecto de Miguel Caínzos presenta un programa de formación dirixido aos cirurxiáns no manexo adecuado tanto dos novos antibióticos como dos habitualmente máis utilizados no ámbito hospitalario, tanto a nivel preventivo como a nivel terapéutico, focalizándose inicialmente na cirurxía xeral e do aparello dixestivo.

“O uso correcto dos antibióticos no ámbito cirúrxico é fundamental e é un problema de enorme actualidade debido ao desenvolvemento de xermes - esencialmente bacterianos – multirresistentes que xa non son sensibles aos antibióticos convencionais”, manifesta Caínzos, que vincula o seu programa formativo aos resultados de dous proxectos de investigación internacionais nos que participou “para concienciar a todos os estamentos cirúrxicos sobre a importancia dun manexo correcto dos antibióticos en aras de evitar a aparición de resistencias”.

De feito, tal e como subliña “durante os últimos anos desenvolvéronse novas moléculas antimicrobianas que teñen un amplo espectro de acción, e resulta imprescindible evitar que o uso inadecuado destes novos antibióticos no terreo da cirurxía poida facilitar que a súa eficacia antibacteriana diminúa a nivel clínico”.

Pola súa banda, o cirurxían cardíaco, Darío Durán desenvolverá durante o seu nomeamento como emérito un estudo de calidade asistencial nos pacientes sometidos a cirurxía cardiovascular, de modo que se establezan uns indicadores nas distintas fases do proceso asistencial. O rexistro dos datos destes parámetros, permitirá o seu tratamento estatístico e o perfeccionamento do coñecemento non só da actividade hospitalaria senón da súa calidade. “Isto crea unha oportunidade de observar pormenorizadamente como é a asistencia, facilitando así a definición de oportunidades de mellora e a comparación estandarizada con outros centros hospitalarios de recoñecido prestixio”, destaca e engade que “con este proxecto hospital poderá dispoñer dunha base de datos específica, operativa de maneira continuada”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud