​A CENTRAL DE COORDINACIÓN DO 061 DE GALICIA REFORZA O SEU PERSOAL UN ANO MÁIS ANTE A PREVISIÓN DO INCREMENTO DA DEMANDA SANITARIA NO NADAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 12 2023
 


A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza, un ano máis, o seu persoal da Central de Coordinación para garantir que a asistencia sanitaria ás urxencias e ás emerxencias, durante as datas de Nadal,  sexa axeitada en toda a Comunidade Autónoma galega. 

Así, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza o servizo habitual, segundo as análises de incremento de chamadas nestas datas, para axilizar a consulta médica e optimizar a xestión dos recursos co fin de dispoñer dos medios máis axeitados para a atención das emerxencias que puideran xurdir.

Isto supón que estes vindeiros días haberá un facultativo máis nas quendas de noite (de 22 a 8 horas) as noites do 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro, así como nas quendas de mañá e tarde dos días 24, 25 e 31 de decembro e dos días 1, 5, 6, 7 e 8 de xaneiro. Respecto ao persoal de xestión telefónica, o servizo reforzarase cun teleoperador máis na quenda da noite do 24 de decembro e con un na noite do 31 de decembro.

Nadal 2022-2023

O pasado Nadal -desde o 24 de decembro de 2022 ata o 6 de xaneiro de 2023-, a Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu un total de 25.307 chamadas de demanda sanitaria, que xeraron 20.335 procesos asistenciais.

Dos 20.335 procesos asistenciais xerados, o 35% resolveuse sen mobilización de recursos, e o 65% restante precisou da mobilización dalgún recurso (visita domiciliaria de médico ou enfermeiro de Atención Primaria, transporte urxente e/ou emerxencias).  Dos procesos asistenciais nos que a Central de Coordinación estimou necesario a mobilización dalgún recurso, nun 61% tratouse de emerxencias sanitarias e no 39% de transporte urxente. En total mobilizáronse 12.937 recursos.

Neste período os principais motivos de demanda sanitaria na Central de Coordinación foron: alteración de consciencia, dor torácica, problemas respiratorios e accidentes de tráfico.

En relación cos accidentes de tráfico, neste período foron atendidas 363 chamadas que xeraron 270 asistencias efectivas, nas que foron atendidas 356 persoas, das cales catro faleceron no punto do incidente.

No caso das intoxicacións, entre o 24 de decembro de 2022 e o 6 de xaneiro de 2023, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon a 448 persoas, das que 403 foron asistidas por intoxicacións de alcohol e 45 por consumo de drogas.

Por último, é importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo encargado de prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na Comunidade Autónoma galega as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas poden ser salvadas e moitas lesións atenuadas se reciben a asistencia sanitaria axeitada.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud