A CONSELLERIA DE SANIDADE ESTABLECE A RECOMENDACIÓN XERAL DO USO DE MÁSCARA NO CONXUNTO DE CENTROS SANITARIOS DE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 12 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou está mañá en rolda de prensa a nova instrución que o Servizo Galego de Saúde lle trasladará ao conxunto de xerencias das áreas sanitarias e na que se establece a recomendación do uso xeral da máscara en todos os centros sanitarios da rede pública Galega.

A medida, que entrará en vigor desde as 15,00h de hoxe, estenderase durante os vindeiros 15 días, momento no que se revisará a situación epidemiolóxica. Deste xeito, se ata o de agora esta recomendación se limitaba ás zonas dos servizos de Urxencias e ás Unidades con persoas inmunodeprimidas, agora amplíase a todos os espazos dos centros de saúde e hospitais.

Segundo apunto o titular da carteira sanitaria da Xunta, neste momentos “estamos preto do pico de gripe”, e entre esta semana e a que vén acadarase a cifra co maior número de contaxios. 

Así, explicou que na comparativa anual, neste ano 2023, durante o mes de decembro estanse a rexistrar un promedio diario de 2.700 atencións nos servizos de urxencias  do Sergas, unha cifra que incrementa un 8% os datos do ano pasado (2.500 de media en 2022), e nos que as atencións vencelladas ás patoloxías respiratorias xogan un papel importante no aumento.

Do mesmo xeito, e no que atinxe aos datos de hospitalización, García Comesaña indicou que nestes intres hai 653 persoas ingresadas por ou con gripe (27 delas na UCI); 160 persoas ingresadas por ou con covid-19 (7 na UCI), e 162 por ou con VRS, das que 6 están na UCI.

Acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; o conselleiro agradeceu o esforzo do conxunto de profesionais que están a traballar nos centros de saúde e hospitais públicos galegos.

Así, pechou a súa intervención solicitando á poboación extremar as precaucións nas xuntanzas do Nadal e tamén convidando á vacinación a todas as persoas que aínda non o fixeran, pois “moita da xente que temos ingresada está sen vacinar”.

Circulación da gripe en Galicia

Durante a rolda de prensa, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; detallou que a infección respiratoria predominante nestes momentos en Galicia é a Gripe A, sendo a responsable do 68% dos casos; ademais de precisar que a linaxe predominante da covid-19, na actualidade, é a JN1.

Sobre a positividade das probas, Durán incidiu que os test que se están a realizar nestas xornadas acadan un 34% de positividade no caso da gripe, e un 8% no casos das infeccións do Virus Respiratorio Sincitial (VRS).

“Segundo o noso modelo preditivo, entre esta semana e a que vén chegaremos ao pico da onda de gripe” explicou a directora xeral, ao tempo que indicou que “as cifras máximas da onda se manterán durante as vindeiras 2 ou 3 semanas”.

Activación dos Plans de contixencia 

Pola súa banda, o director xeral de Asistencia Sanitaria Jorge Aboal, enumerou o conxunto de medidas que está a poñer en marcha o Servizo Galego de Saúde para atender o incremento da demanda nos centros sanitarios galegos.

Así, e de acordo ao recollido nos Plans de Contixencia, o conxunto das áreas sanitarias galegas (agás a de Lugo) reforzaron os seus recursos humanos e materiais para dar resposta a está situación que se produce cada ano nesta época.

Aboal salientou que a activación deste Plans conlevou un aumento no número de médicos, pediatras, persoal de enfermería e TCAEs, así como a operatividade de 80 camas máis no conxunto dos hospitais galegos. En concreto, 25 no Hospital Abente y Lago da Coruña, 9 no Hospital Montecelo; 15 no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo), 12 no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, e outras 20 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

“Os Plans de continxencia son documentos dinámicos que se adaptan ás necesidades asistenciais” destacou o director xeral, quen remarcou que, de ser preciso,  ampliaranse os recursos nos centros sanitarios.

Finalmente, a responsable de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Maite Maza, incidiu en que “as patoloxías respiratorias adoitan ter unha maior repercusión a nivel de hospitalización” ao requirir duns maiores tempos de atención e prazos hospitalización. Porén, apelou ao emprego da máscara en todo momento, no caso de ser positivo en algunha das patoloxías respiratorias, ou se se ten a sospeita de ter gripe ou covid.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud