RUEDA DESTACA QUE AMPLIACIÓN DO CALENDARIO DE VACINACIÓN DA XUNTA REDUCE NUN 90% OS INGRESOS HOSPITALARIOS INFANTÍS CAUSADOS POLO VIRUS RESPIRATORIO SINCITIAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 02 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que un informe avaliado hoxe no Consello sobre a protección fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) indica que, de forma preliminar, se pode afirmar que “os ingresos hospitalarios de nenos por este virus reducíronse un 90% en Galicia” tras a vacinación xeralizada tanto aos grupos de risco coma a todos os bebés nados na comunidade.

Rueda lembrou que “Galicia foi pioneira” en inmunizar a todos os bebés que nacen na comunidade fronte a este virus que causa bronquiolite e que provoca que cada ano centos de bebés teñan que ser hospitalizados.

Tras esta decisión, a Dirección Xeral de Saúde Pública elaborou un informe provisional que, á vista dos resultados epidemiolóxicos, realiza unha primeira estimación das hospitalizacións que se evitaron ata o 21 de xaneiro de 2024 grazas á inmunización con Nirsevimab. 

Tal e como explicou o presidente, as hospitalizacións por VRS en nenas e nenos antes de iniciar a campaña de inmunización oscilaba entre un mínimo de 400 ingresos ata un máximo de case 800 por campaña. Este ano, tras incluír a inmunización con este anticorpo monoclonal, estas cifras situáronse “nos 50 ingresos, co que se reduciron ata un 90 % os ingresos hospitalarios”. Estímase que se evitaron “unha media de 500 ingresos en bebés”, salientou Rueda, o que reforza a medida tomada pola Xunta de ter incluído a administración de Nirsevimab cun investimento inicial de máis de 3 millóns de euros. 

Todo iso tendo en conta, ademais, que aos datos da vixilancia epidemiolóxica amosan que o virus VRS circula nesta tempada a niveis similares que a tempada anterior. Aínda así, amosan que o impacto da inmunización dos lactantes fronte ao VRS está sendo moi positivo, dado que na poboación vacinada os valores das taxas de hospitalización son moito menores en comparación coa tempada anterior e en comparación con outros grupos de idade non vacinados. Hai que ter en conta que unha das particularidades deste virus é que non só afecta os nenos de risco senón que o 98 % das hospitalizacións por VRS ocorren en lactantes sans. 

Vixilancia epidemiolóxica automatizada

Ademais de estar á vangarda na incorporación da protección nos lactantes, o elevado grao de dixitalización dos procesos sanitarios da Consellería de Sanidade permite a concepción de sistemas de vixilancia epidemiolóxica automatizados que proporcionan información de calidade en tempo real para a toma de decisións e planificación de medidas de prevención e control.

Desde o inicio da campaña o 25 de setembro de 2023 ata o 21 de xaneiro deste ano, acadouse o 100 % de cobertura en nenos e nenas de grupos de risco, o 93,1 % en bebés nacidos desde o principio da campaña e o 85,5 % na categoría de rescate (nacidos antes da campaña, desde o 1 de abril). Estes datos foron conseguidos grazas a unha estratexia de inmunización e un proceso loxístico áxiles, en hospitais públicos e privados e en centros de saúde, incluíndo autocitas e citacións proactivas a través de mensaxes sms. 

Rueda fixo fincapé en que a campaña continúa para nenas e nenos que nazan ata o 31 de marzo.

Máis de 13 millóns para o subministro de vacinas do calendario

Ademais, tal e como informou o presidente, o Consello autorizou ademais a subministración sucesiva de oito vacinas de calendario e unha máis fronte á Hepatite A, que se administra só a persoas de risco, por un valor estimado de 8.084.360,40 € e da vacina novevalente fronte ao virus do papiloma humano (VPH) cun valor estimado de 5.030.410,00 €. Os dous contratos fan referencia ás anualidades de 2024 e 2025, con prezos sen IVE e que suman un total de 13.114.770,40 €.

O Goberno galego mantén a súa aposta pola prevención co calendario de inmunización máis completo de España e, nesta nova compra aprobada hoxe, está incluída a vacina fronte ao rotavirus, que só a ofrecen actualmente Galicia e Castela e León. No calendario galego inclúense a vacina fronte ao hérpes zóster e á enfermidade meningocócica nas que Galicia, a maiores da carteira básica do Sistema Nacional de Saúde, ten incluída para maiores de 80 anos no caso do herpes zóster e para bebés de 4 meses no caso da vacina MenACWY.

Ademais, Galicia foi a primeira comunidade autónoma en vacinar os nenos varóns fronte ao virus do papiloma humano (VPH) e, desde o seu inicio en 2022 á actualidade, a cobertura global en nenas e nenos (polo menos cunha dose) está no 90,77 % en nados en 2010 e no 80,84 % en nados en 2011. Con isto, búscase a protección de grupo fronte a un virus de transmisión sexual e, así previr a aparición de lesións premalignas e de cancro de colo de útero, vulva, vaxina e ano. Desta forma, a vacina complementa o labor do cribado de cancro de cérvix que a Xunta estendeu a toda Galicia recentemente.

Polo tanto, o Executivo galego aposta por investir nos programas de vacinación propostos pola Dirección Xeral de Saúde Pública xa que constitúen unha das medidas máis eficaces e de mellor relación custo-beneficio de todas as actuacións sanitarias. A vacinación ten un efecto directo nunha maior saúde da poboación, benestar e produtividade social e supón un importante aforro de recursos asistenciais. De feito, o programa galego de vacinación ten feito desaparecer practicamente moitas das enfermidades típicas da infancia como o sarampelo, a poliomielite, a difteria, así como manter en niveis moi baixos outras enfermidades como o tétano, a hepatite B, e moitos tipos de meninxite. Este programa constitúe un dos grandes avances da saúde pública no século pasado que a Xunta está a impulsar e mellorar neste, coa introdución de novas vacinas e o reforzo da vacinación en idade adulta.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud