A XUNTA INVISTE MÁIS DE 1,2 MILLÓNS DE EUROS PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROGRAMAS SOCIOSANITARIOS NO ÁMBITO DOS TRASTORNOS MENTAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 02 2024

O Consello da Xunta vén de autorizar a convocatoria para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais. Para esta convocatoria, destinada ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, a Xunta de Galicia investirá un total de 1.206.943 euros. 

De igual xeito que a convocatoria do pasado ano, esta desenvolverase na modalidade de concorrencia competitiva, podendo acceder á mesma aquelas entidades sociais sen ánimo de lucro que promovan novas estratexias que dean resposta ás necesidades da poboación que sofren doenzas de tipo mental. Este modelo, ademais de dar continuidade á tipoloxía de programas tradicionalmente financiados, tamén permite que se incorporen outros novos, de acordo ás necesidades sociais de cada exercicio.

Neste senso, e de acordo ao recollido no Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, as iniciativas susceptibles da concesión destas axudas atópanse divididas en cinco liñas de actuación: proxectos de investimento en melloras nos centros sanitarios cuxa actividade asistencial principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais en materia de trastornos mentais -incluídos os transtornos adictivos-; programas de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental; programas de promoción do desenvolvemento de contornas protectoras no ámbito dixital e prevención terciaria en adiccións comportamentais e outras adiccións; programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais; e programas de prevención do suicidio. 

Entre as novidades da presente convocatoria, atópase a inclusión explícita dos programas de posvención dentro das tipoloxías subvencionables, de acordo á necesidade social da atención ás familias e achegados das persoas falecidas por suicidio.

Plan galego de Saúde Mental e Proxecto YAM

O Plan de Saúde Mental 2020-2024, posto en marcha pola Xunta de Galicia contempla, entre os seus eixos de actuación, a colaboración e a participación de todo o tecido asociativo e das entidades especializadas na Saúde mental. Isto traduciuse, entre outras medidas, en programas de axudas para o financiamento de actividades en entidades sociais relacionadas con pacientes con trastornos mentais ou adiccións. 

Finalmente, cómpre destacar que Galicia será a primeira comunidade de España en implantar o Proxecto YAM de prevención da depresión e do suicidio entre a poboación moza. Un proxecto europeo no que, tras ser desenvolto polo Instituto Karolinska de Suecia, participarán 78 centros educativos galegos, grazas á colaboración entre a Consellería de Sanidade e da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud