O SERGAS AMPLÍA O SISTEMA PERSONALIZADO DE DOSIFICACIÓN DE MEDICAMENTOS PARA QUE CHEGUE A UN MAIOR NÚMERO DE PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 02 2024

O Servizo Galego de Saúde actualiza o Programa de mellora da adherencia terapéutica a través da preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación de medicamentos en colaboración coas oficinas de farmacia. O programa púxose en marcha en maio de 2023, co lema “Axudámosche coa tua medicación”, co obxectivo de incrementar a calidade asistencial e os resultados en saúde ao mellorar a adherencia terapéutica e a toma idónea dos medicamentos. 

Inicialmente esta iniciativa estaba dirixida a persoas con pleno dereito a asistencia sanitaria e farmacéutica con cargo ao Sistema Público de Saúde de Galicia, de idade avanzada (75 anos ou máis), que vivan soas ou non teñen unha rede de apoio sociofamiliar adecuada, que tomen máis de 13 medicamentos crónicos inicialmente, e que teñan problemas de adherencia terapéutica ou dificultade para o uso correcto dos mesmos.

Unha vez posto en marcha, logo dun período inicial de andadura, e coa intención de facer chegar este servizo a un maior número de pacientes, actualizase o protocolo para modificar a poboación diana candidata ao programa, concretamente redúcese o numero de medicamentos prescritos de forma crónica necesarios para poder ter acceso a prestación. Os pacientes con 10 ou máis medicamentos e que cumpran o resto dos requisitos serán candidatos na inclusión no programa.

Esta actualización foi elaborada por un grupo de traballo multidisciplinar do Servizo Galego de Saúde e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia.

Uso seguro e eficiente dos medicamentos

Entre os obxectivos específicos deste programa está o feito de reducir os erros na toma da medicación; previr, detectar e resolver problemas relacionados coa medicación; e asegurar a correcta utilización dos medicamentos a través da información personalizada ao paciente, evitando problemas de manipulación e conservación.

O programa tamén posibilita facer que o uso dos medicamentos por parte dos pacientes sexa máis seguro e eficiente, ao evitar problemas de confusión e/ou intoxicación involuntaria; e facilita o labor do persoal de apoio ou coidador dos pacientes, naqueles aspectos relacionados coa adquisición, conservación e administración dos medicamentos. Ademais, reduce o stock de medicamentos almacenado no domicilio.

Para conseguir os obxectivos deste programa e garantir a continuidade asistencial, considérase fundamental establecer unha boa coordinación entre todos os profesionais participantes e a as oficinas de farmacia. A nivel da atención primaria a figura de referencia é o farmacéutico deste nivel asistencial.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud