​MÁIS DE 18.300 ASPIRANTES PARA OS EXAMES QUE CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 02 2024
 


O Recinto Feiral Internacional de Galicia (Silleda), acollerá esta fin de semana a realización dos exames da fase de oposición do Sergas, para a cobertura dun total de 779 prazas que se distribúen en 10 categorías do sistema sanitario público galego. Así, un total de 18.377 aspirantes están convocados a participar nestas probas selectivas.

En concreto, para a xornada de mañá sábado están convocados un total de 9.408 aspirantes, para cubrir 46 prazas de enfermería especialista en enfermería Obstétrico-Xinecolóxica -matrona-; 12 de técnico/a superior en Imaxe para o diagnóstico; 1 de técnico/a en xestión de sistemas e tecnoloxías da información e 6 terapeuta ocupacional. A apertura das portas do Recinto está prevista para as 9,00 horas.  

Ademais, e xa na quenda de tarde, desde as 16,00 horas terán lugar os exames do grupo Auxiliar da función administrativa, cun total de 318 prazas ofertadas polo Sergas.

Preto de 9.000 persoas convocadas o domingo

Na xornada do domingo, e tamén a partir das 9,00 horas, están convocadas un total de 8.969 persoas para participar nos exames das categorías de Enfermeiro/a especialista en enfermaría de Saúde Mental (31 prazas ofertadas); Enfermería especialista en Pediatría (32 prazas ofertadas ); Enxeñeiro/a técnico/ (10 prazas ofertadas) e Odontólogo/a de Atención Primaria (17 prazas ofertadas).

Na quenda de tarde, será o turno para a realización das probas na categoría de Celador/a, e para a que o Servizo Galego de Saúde ten ofertadas un total de 306 prazas.

As probas continúan a vindeira semana

A próxima fin de semana continuará a realización das probas de oposición do Sergas no Recinto Feiral Internacional de Silleda. 

Así, o sábado 10 de febreiro, terán lugar os exames para acceder ás 61 prazas de Enfermeiro/a especialista en enfermaría Familia e Comunitaria; ás 70 de Fisioterapeuta; 1 de Técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información e 2 Técnico/a superior en Hixiene Bucodental. O número total de persoas convocadas para o vindeiro sábado ascende até os 2.138. 

Cómpre destacar que, a estas 913 prazas convocadas no mes de febreiro, engádense ás 1.556 prazas ofertadas na categoría de Enfermería, cuxo exame da fase de oposición se realizou o pasado 25 xuño; ás 789 na categoría de  técnico/a en coidados auxiliares de enfermería e ás 196 da categoría de persoal de servizos xerais, cuxos exames tiveron lugar o pasado 4 e 5 de novembro. 

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

Opositora xestante realiza o exame desde Canarias

No marco das previsións do I Plan de Igualdade de mulleres e homes do Servizo Galego de Saúde (2021-2024), en prol da igualdade efectiva de mulleres e homes, o Sergas continúa a facilitar a realización das probas ás opositoras xestantes e con parto recente que o solicitaran previamente. Así, a realización destes exames de oposición terá lugar no hospital no que estea ingresada a aspirante, desprazando a estes efectos unha delegación do respectivo tribunal aos centros sanitarios. 

Por primeira vez nas historia das probas do Sergas, realizarase un exame desde fóra da comunidade autónoma de Galicia, ao contar coa colaboración do Servizo Canario de Saúde para facer o exame nun hospital desa Comunidade Autónoma a unha aspirante embarazada a termo.

Neste sentido, en execución de diversos acordos adoptados pola Mesa sectorial de negociación en materia de protección das persoas traballadoras durante o embarazo, e publicados no Diario Oficial de Galicia o pasado mes de novembro, a muller que estea de parto o día en que teñan lugar os exercicios da oposición, e non sexa posible realizarlle o exame no hospital, poderá efectualo dentro dos 15 días seguintes á realización das probas. 

Garántese así mesmo, o exercicio da lactación natural por aquelas aspirantes que o solicitasen. A estes efectos, habilitaránse no exterior do recinto unha sala específica para que poder realizar a lactancia con carácter previo ao inicio da hora de exame, e no interior do recinto outra sala para que durante o tempo de realización das probas poidan tamén realizar a lactancia. Neste suposto, o tempo transcorrido na realización da lactación incrementase ao tempo de exame previsto inicialmente. 

Así mesmo, practicaranse varias adaptacións de tempo e medios, que a normativa permite, para a realización dos exercicios co obxecto de garantir que todas as persoas aspirantes concorran ao proceso en condicións de igualdade. As adaptacións de medios son de diversa natureza, desde poñer a disposición dos aspirantes con problemas de audición interpretes de linguaxe de signos, á posibilidade de realizar exames nun ordenador adaptado para os aspirantes invidentes, ou adaptacións menores relacionadas con necesidades especiais dalgúns aspirantes.

Protocolo das medidas organizativas no desenvolvemento das probas

Destacar que na organización destes procesos selectivos non se realiza o chamamento dos aspirantes. Así, todos os aspirantes teñen á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/ expedient-e), desde a data de publicación da data do exame no Diario Oficial de Galicia, até a acreditación persoal con código QR. 

Á hora de inicio das probas os aspirantes acércanse á porta que teñen asignada co código QR que debe levar impreso e acreditando a súa identidade acceden ao exame. Con esta medida axilízase a entrada ao recinto, evitando aglomeracións innecesarias.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud