​AS PROBAS DA FASE DE OPOSICIÓN DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE ACADAN O 85’4% DE PARTICIPACIÓN NA SÚA QUENDA DE MAÑÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 02 2024
 

O Servizo Galego de Saúde desenvolve este sábado no Recinto Feiral de Silleda as probas selectivas para o acceso a cinco categorías do sistema sanitario público galego, e para as que están convocados un total de 9.408 opositores. Así, na quenda de mañá de hoxe, presentáronse á realización do exame 1.382 aspirantes das 1.618 persoas convocadas (85’4% de participación).

En concreto, neste primeiro turno do sábado presentáronse ás probas: 301 das 341 convocadas para a categoría de enfermería especialista en enfermería Obstétrico-Xinecolóxica -matrona- (88,2%); 857 aspirantes dos 994 para a categoría de técnico/a superior en Imaxe para o diagnóstico (86,2%); 27 das 39 persoas admitidas para o exame de técnico/a en xestión de sistemas e tecnoloxías da información (69’2%); e 197 das 244 persoas aspirantes ás prazas de terapeuta ocupacional.

Neste senso, o Sergas oferta 46 prazas de enfermería especialista en enfermería Obstétrico-Xinecolóxica -matrona-; 12 de técnico/a superior en Imaxe para o diagnóstico; 1 de técnico/a en xestión de sistemas e tecnoloxías da información e 6 terapeuta ocupacional.

Ademais, e xa na quenda de tarde, desde as 16,00 horas terán lugar os exames do grupo Auxiliar da función administrativa, cun total de 318 prazas ofertadas, e preto de 7.800 persoas convocadas.

9.000 opositores convocados o domingo

Na xornada de mañá domingo, e tamén a partir das 9,00 horas, están convocadas un total de 8.969 persoas para participar nos exames das categorías de Enfermeiro/a especialista en enfermaría de Saúde Mental (31 prazas ofertadas); Enfermería especialista en Pediatría (32 prazas ofertadas); Enxeñeiro/a técnico/a (10 prazas) e Odontólogo/a de Atención Primaria (17 prazas ofertadas).

Xa na quenda de tarde, o domingo destaca a realización das probas na categoría de Celador/a, e nas que un total 8.300 aspirantes se examinarán para acceder ás 306 prazas que o Servizo Galego de Saúde ten ofertadas.

Medidas organizativas no desenvolvemento das probas

Cómpre lembrar que na organización destes procesos selectivos non se realiza o chamamento dos aspirantes. Así, todos os aspirantes teñen á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/ expedient-e), desde a data de publicación da data do exame no Diario Oficial de Galicia, até a acreditación persoal con código QR. 

Á hora de inicio das probas os aspirantes acércanse á porta que teñen asignada co código QR que debe levar impreso e acreditando a súa identidade acceden ao exame. Con esta medida axilízase a entrada ao recinto, evitando aglomeracións innecesarias.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud