Dentro do seu
programa de ampliación e remodelación de espazos, na Área Sanitaria da Coruña e
Cee comeza hoxe a funcionar o novo hospital de día de saúde mental infanto
xuvenil cunha un ampla área destinada a atención ambulatoria da saúde mental na
infancia.
O espazo
habilitado que se pon hoxe en marcha, e ocupado con anterioridade polo hospital
de día de oncoloxía, agora abicado no Hospital A Coruña, consta de
aproximadamente 300 m2 situados no andar baixo do hospital Materno
Infantil “Teresa Herrera”, que tras a reforma e readaptación de espazos conta con
12 consultas de saúde mental, un control de enfermería, ademais dunha sala de
reunións, unha sala de terapia polivalente, unha aula-comedor terapéutico e salas
de espera.
Esta
ampliación de servizos permite redefinir o paradigma de atención actual, e
incorporar novas modalidades de intervención terapéuticas dirixidas á
recuperación persoal. Este modelo tamén fomenta a abordaxe multidisciplinar do
paciente, reducindo o impacto da enfermidade no neno sobre a súa actividade
social, educativa e sobre a súa vida familiar. En definitiva, esta acción permítenos
aumentar a asistencia da calidade entre os máis novos con problemas de saúde
mental.
Para levar a
cabo todo este volume de actividade o novo hospital de dia conta con 15
profesionais, dos que 8 son persoal facultativo.
Esta nova prestación asistencial
permite aumentar os recursos hospitalarios que a área sanitaria da Coruña e Cee
ofrece aos seus usuarios da sáude mental infato-xuvenil ao abeiro do Plan de
Saúde Mental Post-Covid do Servizo Galego de Saúde.
O hospital de día é
un dispositivo asistencial intermedio entre a hospitalización a tempo completo
e as consultas externas. Pretende atender de xeito intensivo aqueles trastornos
mentais graves, xa que moitos destes teñen o seu debut na adolescencia. O principal
obxectivo é evitar a cronificación dos mesmos e desestigmatizar a saúde mental,
sendo imprescindible una abordaxe integral do paciente cun equipo
multidisciplinar que teña en conta as necesidades sociais, familiares e
académicas de xeito individualizado, e encargado de garantir a reinserción
temperá do mesmo á súa vida cotiá.
A saúde mental infanto xuvenil
A infancia e
a adolescencia son etapas especialmente vulnerables ás enfermidades de saúde
mental. De feito, case a metade dos trastornos mentais inícianse antes dos 14
anos, o 10% dos nenos menores de 12 anos e o 20% dos adolescentes, desenvolven
nalgún momento algún tipo de trastorno mental.
Por outra
banda, o suicidio é a segunda causa de morte en mozas entre 15 e 29 anos e o
seu principal desencadeamento é a depresión, en especial cando non se
diagnostica e non se trata. Por tanto, unha correcta asistencia a esta idade
pode previr ou atenuar problemas na saúde mental da poboación adulta e reducir
o impacto sobre a vida social, familiar e académica do menor.
Do mesmo
xeito, os trastornos da conduta alimentaria requiren unha abordaxe precoz e
integral, no que conflúen pediatras, psiquiatras, psicólogos, terapeutas
ocupacionais, traballadores sociais, enfermeiras especialistas e mestres.
O obxectivo
principal do hospital de día de saúde mental infanto xuvenil é tentar mellorar
a calidade de vida dos pacientes e das súas familias reducindo a tensión que
poida supoñer a hospitalización e poder realizar as abordaxes clínicas
necesarias e integrar unha acción coordinada con outras dependencias de servizo
sanitario ambulatorias. Así mesmo, busca manter os vínculos que unen aos
pacientes cos seus pais ou coidadores, amigos, profesores e en xeral a
comunidade.
O aumento
destes recursos hospitalarios, permitiranos atender o incremento da demanda
asistencial en materia de Saúde mental prestando especial atención á poboación
infanto xuvenil.
A área
Sanitaria da Coruña e Cee proporciona asistencia sanitaria a unha poboación
pediátrica de máis de 65.000 nenos, sendo ademais a área de referencia para as
áreas sanitarias de Ferrol e Lugo, referencia autonómica para moitas patoloxías
pediátricas e referencia nacional para algunhas outras.
A Unidade de
Saúde Mental Infanto-Xuvenil, que dependente do Servizo de Psiquiatría, presta
a súa asistencia ata o de agora na planta semisoto do Hospital Materno-Infantil
Teresa Herrera, estando na actualidade orientada principalmente á actividade
ambulatoria de consultas externas. Polas súas consultas pasan cada ano máis de 6.000
menores, cunha tendencia crecente con respecto a anos anteriores que parece
acentuarse aínda máis no 2022.