O CONSELLEIRO DE SANIDADE INAUGURA A EXPOSICIÓN ITINERANTE DO V CONCURSO DE CARTEIS PARA ESCOLARES RELACIONADOS COA DOAZÓN E COS TRANSPLANTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 02 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou a  exposición itinerante do V Concurso de carteis para escolares relacionados coa doazón e os transplantes, que poderá visitarse ata o luns 12 de febreiro no vestíbulo da entrada principal do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

No acto, celebrado esta mañá, o conselleiro estivo acompañado por Eloína Núñez Masid, xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza; Marisa López García, directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS); Carmen Ribero Velasco, coordinadora de Transplantes Hospitalaria do CHUS; Camilo García Freire, xefe do servizo de Uroloxía do CHUS; Cándido Díaz Rodríguez, xefe do servizo de Nefroloxía do CHUS;  e do presidente da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI), Celso García Estévez, quen organiza esta iniciativa na que todos os anos participan centos de alumnos de toda Galicia dos niveis de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

No transcurso do evento, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego agradeceu á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a súa colaboración e apoio neste tipo de proxectos, como é o Concurso escolar de carteis relacionados coa doazón e cos transplantes, que convoca cada ano a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS, para concienciar á poboación máis nova da importancia da doazón para conseguir unha sociedade más xusta e solidaria.

Ademais, Comesaña felicitou e agradeceu ás asociacións de pacientes o seu traballo incansable, en especial a ADROVI, e ao seu presidente, pola implicación na promoción da doazón dende o ano 2008 no campo da sensibilización e información, como principais ferramentas de concienciación social.

Así mesmo, o conselleiro quixo poñer en valor a implicación dos centros educativos e do  profesorado para que os escolares galegos tomen conciencia sobre a importancia da doazón, o que lles permitirá tomar unha decisión responsable o día de mañá; subliñando que “despois de cinco edicións de concursos de debuxos e carteis, son máis de 3.600 rapaces e rapazas de 162 centros os que participaron.”

Neste sentido, Comesaña salientou “a xenerosidade de máis de 3.300 doantes e as súas familias, e 400 doantes que en vida doaron un ril a un ser querido, xa que xuntos posibilitaron o milagre do transplante de máis de 9.000 persoas na nosa comunidade.”

No transcurso da inauguración da exposición, Celso García Estévez fixo entrega dun recoñecemento, en nome de ADROVI, a Mª José Iglesias Vázquez, profesora xubilada do centro educativo IES Ribeira de Louro de Porriño, pola súa implicación na promoción, durante a súa etapa como docente, da doazón e o transplante. 

Carteis premiados

Así, na V edición do Concurso Escolar de Carteis relacionado coa Doazón e os Transplantes, resultaron premiados na categoría de 5ºe 6º de Educación Primaria, co primeiro premio “Non importa o órgano, agora toca doar e salvar vidas” de Jimena Domínguez García do CEIP Vista Alegre (Burela); e o segundo premio recaeu no traballo “Transplanta vida. Doa” de Greta Abella Álvarez do CEIP Castrelo de Miño.

Na categoría de primeiro ciclo de ESO, resultou gañador o traballo “Doa Tempo” de Ainara Solla González do Colexio Sagrado Corazón de Jesús (Pontevedra) e o segundo premio foi para “Vivir ou non vivir, esa é a cuestión” de Débora Yáñez Cid do IES Escolas Proval (Nigrán).

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud