COMESAÑA AGRADECE AO SECTOR SANITARIO A PARTICIPACIÓN NA PRIMEIRA ESTRATEXIA INTEGRAL DE SAÚDE GALEGA QUE CONTA CON CINCO EIDOS DE ACTUACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 02 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, interveu hoxe, na Cidade da Cultura, nunha Xornada sobre os novos retos e visións da sanidade galega, acto no que estivo acompañado pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo. Neste evento, o titular da carteira sanitaria agradeceu o  traballo dos distintos profesionais do sistema sanitario e a implicación de diversos organismos e institucións pola súa participación na elaboración da primeira Estratexia integral de saúde, documento global para a política sanitaria.

Entre as dimensións desta folla de ruta estruturada en cinco áreas e con liñas de actuación encamiñadas á consecución dun modelo sanitario equitativo e eficaz, o conselleiro remarcou a adopción dun enfoque máis proactivo, incrementando a actividade que se realiza sen agardar á aparición dun problema de saúde.

Comesaña remarcou que Galicia conta cunha elevada presenza de pacientes crónicos, de aí que sexa necesaria unha atención máis personalizada, que conecte os niveis asistenciais cos socio sanitarios a través de procesos asistenciais integrados, unidades multidisciplinares, atención domiciliaria ou a ampliación dos mecanismos de comunicación do paciente co sistema.

Neste novo contexto, o máximo responsable do Sergas incidiu no avance en materia de innovación, a través da integración das fundacións biosanitarias no sector público autonómico, ou a incorporación de ferramentas de transformación dixital na relación cos usuarios, ademais do apoio aos profesionais coa intelixencia artificial ou o big data.

Comesaña sinalou que, como consecuencia dos cambios aprehendidos da pandemia, xorde un novo modelo en que a sanidade se entende como un todo, que transcende o eido sanitario. O resultado é a concepción dunha sanidade única, que recoñece a interrelación entre a saúde humana, animal e ambiental; e promove a colaboración entre diferentes sectores e disciplinas para abordar os desafíos de saúde pública de maneira global. Esta concepción alíñase con proxectos de interese para a cidadanía galega, como o Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades, o proxecto ‘Xenoma Galicia’ ou o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas. 

Para concluír a súa intervención, o máximo responsable da sanidade pública galega dixo que nada disto sería posible sen o traballo realizado polo persoal sanitario.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud