​O SERGAS NEGA QUE SE ESTEA A DESMANTELAR O CENTRO DE SAÚDE DE A FONSAGRADA E GARANTE O MANTEMENTO DA COBERTURA ASISTENCIAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 02 2024
 

O Servizo Galego de Saúde insiste en que a cobertura asistencial do centro de saúde de A Fonsagrada está totalmente garantida e que se manterá. Polo tanto, non se vai amortizar ningunha praza de médico de atención primaria neste centro de saúde. Pola contra, o obxectivo é potenciar e mellorar os servizos de atención primaria  e, especialmente, no medio rural, pois constitúen o primeiro nivel asistencial de atención sanitaria.

O concello de A Fonsagrada conta con preto de 2.800 tarxetas sanitarias adscritas ao seu centro de saúde,  que está a ser atendido por tres médicos de familia, o que supón unha media de 930 cartillas por facultativo, unha ratio considerada idónea e que mellora os estándares de calidade establecidos polas sociedades científicas, que sitúan a media adecuada en 1.500 tarxetas sanitarias por facultativo. Malia iso, na provincia de Lugo o Sergas traballa cunha ratio de 1.000 tarxetas sanitarias por facultativo nos centros de saúde das zonas rurais, coa fin de garantir á súa poboación unha atención cercana e de calidade.

O centro de saúde de A Fonsagrada conta tamén con atención de enfermaría e con un pediatra que dá asistencia aos 167 nenos e nenas que forman a poboación pediátrica deste municipio. Ademais, dispón dun Punto de Atención Continuada (PAC), co que a atención médica e de enfermaría neste concello está garantida as 24 horas do día de forma continuada.

A ampla carteira de servizos deste centro do Sergas inclúe, tamén, unha unidade de odontoloxía e saúde bucodental ou servizo de nutrición, incorporado recentemente ao Sergas para desenvolver actividades orientadas a atender as necesidades fisiolóxicas ou patolóxicas dos pacientes e dar apoio, atención e asesoramento en enfermidades que están moi estendidas e que poden mellorar cun correcto soporte nutricional.  

O compromiso do Goberno galego coa Atención Primaria é claro e contundente. Nesta lexislatura en toda Galicia creáronse máis de 400 novas prazas de persoal sanitario neste nivel asistencial, especialmente de enfermaría e fisioterapia; incorporáronse nutricionistas aos centros de saúde e equipos de enfermería para a atención no propio domicilio do paciente, estes últimos cos que tamén conta a poboación de A Fonsagrada no seu centro de saúde.

Investimento en material e medios de probas diagnósticas

Recentemente, o Servizo Galego de Saúde investiu 47.000 euros na adquisición de equipamento sanitario para o centro de saúde de A Fonsagrada, como padiolas hidráulicas e outras de transporte; ou medios diagnósticos, como ecógrafo ou sistemas de mapeo para a monitorización e rexistro da tensión arterial, coa fin de reforzar e potenciar a capacidade diagnóstica dos seus profesionais e, deste xeito, mellorar a atención sanitaria que se presta aos cidadáns deste concello. 

Centro de saúde de Negueira de Muñiz

Pola súa banda, o Sergas está a cubrir a ausencia do facultativo do centro de saúde de Negueira de Muñiz cun médico que se despraza a este centro para dar asistencia sanitaria aos 117 habitantes adscritos ao mesmo.  Os habitantes deste concello tamén son atendidos, cando é preciso, no centro de saúde de Fonsagrada, onde tamén teñen o PAC, en horario de 3 da tarde e 8 da mañá os días laborables e as 24 horas os fines de semana e festivos. 

A ausencia do facultativo do centro de saúde deste concello, como outras ausencias que se poden producir en calquera dos máis de 80 centros médicos que o Sergas ten na provincia de Lugo, estanse a substituir absolutamente sempre que é posible, recorrendo para iso a todas as vías que temos ao noso alcance (prolongacións de xornada, intersubstitucións...), tendo  en conta que hai cero médicos substitutos nas listas de contratación. 

En definitiva,  as afirmacións que sosteñen que se van a amortizar prazas no centro de saúde de A Fonsagrada ou a desmantelar a atención que nel se presta son afirmacións falsas,  que carecen de todo viso de realidade e chocan directamente coa amplitude de servizos sanitarios que se prestan neste centro sanitario e que os seus usuarios teñen á súa disposición cando o precisen.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud