A XUNTA COMPARTE CO TECIDO ASOCIATIVO O CONTIDO DA GUÍA DE ACOMPAÑAMENTO DA MULLER E CONTACTO PEL CON PEL NA CESÁREA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 02 2024

A Consellería de Sanidade está a compartir co tecido asociativo o contido da nova Guía de acompañamento da muller e contacto pel con pel na cesárea, que está a elaborar o departamento sanitario galego para o conxunto das sete áreas sanitarias. A tal efecto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse hoxe coas representantes da plataforma Loita, para presentarlles a Guía, que estase a realizar a través dun grupo de traballo dunha vintena de profesionais de todas as categorías profesionais que atenden ao proceso de parto por cesárea. 

Na xuntanza, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e pola subdirectora xeral de Atención Primaria, Sinda Blanco.

O grupo de traballo que está a elaborar a guía está formado por obstetras, anestesiólogas, un pediatra-neonatólogo, médicos de familia, persoal de enfermería, matronas, unha técnica en coidados auxiliares de enfermería, unha celadora, e persoal da área de humanización e de admisión das xerencias das áreas sanitarias. 

A Guía será enviada a sociedades científicas e asociacións para recibir as súas achegas e cumprir o compromiso de aprobación definitiva no primeiro trimestre do ano.

O obxectivo xeral da Guía é homoxeneizar, en todos os hospitais do Sergas, o acompañamento da muller pola persoa de confianza que ela decida, durante o nacemento por cesárea, o contacto pel con pel precoz e ininterrompido nai-fillo ou filla tras a cesárea, tanto en quirófano como durante a recuperación posterior, antes do seu traslado conxunto á planta de hospitalización.

O documento expón uns obxectivos específicos, como son respectar o dereito da muller a estar acompañada pola persoa que ela decida durante o proceso de atención ao parto, e, tamén, no caso da cesárea respectar o dereito do neno ou da nena que acaba de nacer a estar en contacto pel con pel precoz e ininterrompidamente coa súa nai tras o nacemento, tanto en quirófano como durante a recuperación posterior á cesárea, e evitar así separacións innecesarias.

Na Guía recóllense tamén recomendacións e as actividades a desenvolver para levar a cabo o acompañamento e o contacto pel con pel nas cesáreas, para que todos os hospitais do Sergas elaboren o seu correspondente protocolo, adaptado ás súas propias características. A Guía incorpora, ademais, o fundamento científico na que se establecen estas recomendacións. Por último, a Guía recolle unha serie de indicadores para avaliar a súa posta en marcha, así como as etapas para esta. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud