PRETO DE 1.800 PERSOAS PRESÉNTANSE ÁS OPOSICIÓNS DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE DESTA FIN DE SEMANA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 02 2024

Un total de 1.793 persoas presentáronse este sábado a unha nova xornada de oposicións do Servizo Galego de Saúde en catro categorías profesionais. 

En concreto, 948 persoas presentáronse á categoría de fisioterapeuta (o que representa un 85 % sobre o total de admitidas); 544 en enfermeira/o especialista en enfermaría familiar e comunitaria (un 83 %); 278 en técnica/o superior en hixiene bucodental (82 %) e 23 en técnica/o superior de sistemas e tecnoloxías da información (64 %).

Nesta xornada, o Sergas oferta un total de 134 prazas distribuídas en 61 prazas de enfermeira/o especialista en enfermaría familiar e comunitaria; 70 de fisioterapeuta; 1 de técnica/o superior de sistemas e tecnoloxías da información; e 2 de técnica/o superior en hixiene bucodental.

A entrada ao pavillón de realización de exames completouse en menos de media hora grazas á coordinación do persoal colaborador da Consellería de Sanidade, persoal de informática e de seguridade, ademais da colaboración do 061, Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local, Protección Civil e persoal da empresa concesionaria da autopista. 

Ademais, hoxe cóntase cun instrutor da ONCE que lle facilita a realización do exame a unha opositora con discapacidade visual. Para iso, habilitouse unha sala onde un programa le en voz alta os enunciados das preguntas do exame e as distintas opcións para que a aspirante, de palabra, indique a opción que considera correcta. 

En canto a adaptacións, foron solicitadas máis dunha ducia, ademais de 15 peticións de lactancia. Previamente, tanto embarazadas como persoas con mobilidade reducida teñen acceso preferente tanto ao aparcadoiro como á entrada do pavillón. 

Nesta ocasión, non houbo necesidade de realizar exames en centros hospitalarios para casos de mulleres con parto próximo ou recente. Unicamente unha aspirante que deu a luz hai menos dun mes solicitou unha cadeira máis cómoda.

En marzo continúan as probas do Sergas

O vindeiro sábado día 16 de marzo o Servizo Galego de Saúde proseguirá coa realización das probas selectivas para a cobertura de prazas en 37 categorías de persoal estatutario licenciado sanitario.

En concreto, durante a quenda de mañá, desenvolveranse os exames de facultativo/a especialista en: alergoloxía; anatomía patolóxica; anxioloxía e cirurxía vascular; cirurxía cardiovascular; cirurxía oral e maxilofacial; cirurxía pediátrica; cirurxía plástica, estética e reparadora; dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía; endocrinoloxía e nutrición; medicina física e rehabilitación; medicina intensiva; microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neuroloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía; pneumoloxía; psiquiatría;  uroloxía; xeriatría, médico/a admisión e documentación clínica, e médico/a asistencial do 061. 

Xa pola tarde, realizaranse as probas de anestesioloxía e reanimación; aparello dixestivo; cardioloxía; cirurxía torácica; cirurxía xeral e aparello dixestivo; hematoloxía e hemoterapia; medicina interna, medicina preventiva e saúde pública; neuroloxía, pediatría e as súas áreas específicas; psicoloxía clínica, radiodiagnóstico, reumatoloxía; e médico/a coordinador do 061.

Ao longo deste mes de febreiro, o Sergas está a ofertar un total de 913 prazas distribuídas en 10 categorías. Así, ás 134 prazas de hoxe sábado, débense engadir as 779 ofertadas durante a pasada fin de semana, na que participaron máis de 13.500 opositores.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud