A AXENCIA GALEGA DE COÑECEMENTO EN SAÚDE FORMA O PERSOAL MÉDICO GALEGO SOBRE OS ASPECTOS DA ENFERMIDADE CARDIOVASCULAR NAS MULLERES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 02 2024

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), en colaboración coa compañía farmacéutica Organon, é consciente de que atender os factores de risco específicos das mulleres pode contribuír a un diagnóstico máis temperán e preciso na enfermidade cardiovascular e por tanto mellorar o seu prognóstico. Por iso, ACIS pon a disposición dos médicos do Sergas o “Curso de saúde con perspectiva de xénero e sexo en cardioloxía”, no que se dan a coñecer os aspectos máis relevantes na patoloxía cardiovascular nas mulleres.  

Tal e como afirma a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, “priorizar a abordaxe dos problemas de saúde nos que existen desigualdades entre mulleres e homes é un dos obxectivos da Estratexia Galega de Saúde 2030, ademais de reforzar as políticas activas de igualdade para o noso persoal sanitario”.

As enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte das mulleres en España e en Galicia, pero as características destas enfermidades nas pacientes, con certas diferenzas fronte a como evolucionan nos homes, están pouco estudadas e recoñecidas entre os profesionais sanitarios. Esta especificidade das manifestacións cardiovasculares nas mulleres, cuxa incidencia aumenta especialmente ao redor da menopausa, necesita un novo achegamento por parte dos profesionais sanitarios, co obxectivo de mellorar a súa prevención, diagnóstico e tratamento.  

Por iso, o xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa, explica que “a oferta formativa que acabamos de publicar para este ano​ é ampla e especializada, con contidos tanto transversais como específicos dos distintos postos de traballo e perfís profesionais. Neles, ademais de cursos centrados na saúde das mulleres, a perspectiva de xénero é un concepto integrado en todos os cursos”. O éxito das actividades propostas por ACIS constátase cos preto de 110.000 certificados de formación que en 2023 foron emitidos a profesionais da sanidade pública galega.

En opinión do doutor Manuel Anxo Blanco, director executivo de Market Access e Policy de Organon, “a saúde feminina foi historicamente relegada, sen ter en conta os aspectos biolóxicos ou socioculturais que a fan específica e tan diferente da saúde masculina. A información que se ofrece neste curso supón unha verdadeira aposta pola mellora da saúde integral das mulleres a través da saúde con perspectiva de xénero, unha atención sensible ás diferenzas que fan que as enfermidades se manifesten ou evolucionen de maneira diferente entre homes e mulleres”.

O curso, que conta con acreditación, percorre aspectos como os factores diferenciais do risco cardiovascular feminino, da cardiopatía isquémica ou da insuficiencia cardíaca a través dunha serie de vídeos explicativos. Tamén se detalla a atención con perspectiva de xénero na abordaxe da fibrilación auricular, a parada cardíaca, a reanimación cardiopulmonar ou as características que distinguen por xénero as valvulopatías ou as técnicas de rehabilitación pulmonar máis efectivas para as mulleres. 

A formación, que estará dispoñible a partir do 1 de abril do 2024 para os profesionais sanitarios na intranet do Sergas, conta coa coordinación e supervisión da doutora Milagros Pedreira do Hospital Clínico Universitario de Santiago, o doutor Rafael Vidal do Hospital Universitario da Coruña e da doutora Eva Pereira do Hospital Universitario Lucas Augusti (HULA).

Risco cardiovascular en feminino 

Tradicionalmente se asocia a enfermidade cardiovascular aos homes pero, debido principalmente aos cambios que se sofren na menopausa, a patoloxía cardíaca situouse como a primeira causa de morte feminina en España. 

Aínda que existen factores de risco comúns a toda a poboación (como o colesterol, a hipertensión, o tabaquismo ou a obesidade), tamén existen factores de risco específicos das mulleres: menopausa, diabetes xestacional, hipertensión do embarazo, parto prematuro, síndrome de ovario poliquístico e enfermidades inflamatorias ou autoinmunes.

Tamén hai outros riscos importantes que non se recoñecen suficientemente, como os factores psicolóxicos, sociais, económicos e culturais, nos que a miúdo inflúe o xénero, e que parecen contribuír á enfermidade cardiovascular nas mulleres. Por exemplo, os determinantes sociais dificultan a recuperación tras un episodio cardíaco: as taxas de adherencia feminina aos programas de rehabilitación cardíaca son un 30% inferiores á dos varóns.

Este e outros determinantes sociais, tales como o papel de coidadora que a muller exerceu tradicionalmente, inflúen na súa saúde, xa que poden xerar estrés, cansazo e trastornos do estado do ánimo como depresión, que se asocian cunha maior incidencia de factores de risco e de enfermidade cardiovascular.

Neste sentido, a formación e concienciación en saúde con perspectiva de xénero, como a ofertada por ACIS, móstranse esenciais para garantir que as mulleres reciban a mellor atención e coidado por parte dos profesionais sanitarios, logrando así reducir o seu impacto e taxas de mortalidade.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud