O SERGAS DIFUNDE O ENSAIO CLÍNICO QUE PERMITIRÁ A PACIENTES GALEGOS CON LINFOMAS BENEFICIARSE DUN NOVO TRATAMENTO CON CAR-T
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 02 2024

O Servizo Galego de Saúde deu a coñecer hoxe, na sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o ensaio clínico CARTD-BG-01 que o Hospital Clínic de Barcelona desenvolve en colaboración con Galicia para ofrecer a posibilidade de beneficiarse dun novo tratamento con CAR-T a pacientes galegos que padezan determinados linfomas.

Por iso, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, destacou a relevancia do proxecto no que Galicia está implicada. “É un día importante porque hoxe se abre o ensaio clínico para utilizar un novo fármaco que cubre unhas necesidades de tratamento do cancro que ata o de agora non estaban cubertas”, indicou o director xeral. 

Así, informouse a profesionais dos servizos de hematoloxía e farmacia das sete áreas sanitarias do Sergas dos requisitos que deben cumprir as 30 persoas que serán candidatas a recibir este novo tratamento contra diferentes linfomas. Para iso, o Hospital Clínic deseñou un novo CAR-T académico, é dicir, produto da investigación universitaria, e permítelle fabricalo ao Sergas no novo Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia, situado no campus universitario de Santiago de Compostela. 

No acto de presentación participaron tamén Víctor Noriega, do servizo de hematoloxía da área sanitaria da Coruña e Cee, Adrián Mosquera, do servizo de hematoloxía da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, e Julio Delgado, do servizo de hematoloxía do Hospital Clínic de Barcelona.

Que son e como funcionan as terapias CAR-T

As terapias CAR-T son un tipo de terapia na que se modifican xeneticamente os linfocitos T do propio paciente para que ataquen as células canceríxenas. Este proceso comeza coa súa recolección e segue co posterior envío ao laboratorio. Unha vez alí, modifícanse para expresar o receptor específico, deseñado para recoñecer unha proteína da superficie das células canceríxenas e que non se atopa nas células normais do corpo. O obxectivo é que as células T obtidas recoñezan as células canceríxenas e as ataquen e destrúan.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud