A XUNTA APROBA O DECRETO QUE REGULA Á SUBMINISTRACIÓN DE MEDICAMENTOS DE USO HUMANO EXCLUSIVAMENTE HOSPITALARIO PARA PROFESIONAIS DA VETERINARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 02 2024

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Decreto polo que se establecen os procedementos e os controis para a subministración de medicamentos de uso humano de utilización exclusivamente hospitalaria a profesionais da veterinaria. Con esta norma, a Consellería de Sanidade trata de dar resposta á demanda formulada polo sector veterinario, así como de garantir a aquelas persoas que teñan animais de compañía ou doutro tipo, a que estes poidan ser tratados con medicamentos cualificados de uso humano e exclusivamente hospitalario, nos casos en que exista un baleiro terapéutico e non poidan ser tratados con medicamentos de uso veterinario.

O uso destes medicamentos quedará estritamente reservado ao acto clínico veterinario, o cal deberá realizarse, en todo caso, dentro dunha clínica ou hospital veterinario e o medicamento deberá administrarse ao animal directamente por persoal titulado.

O decreto recolle dous procedementos para que os veterinarios poidan adquirir estes medicamentos para o seu uso nun animal. Un procedemento de autorización, que deberán seguir aqueles profesionais que necesiten adquirir axentes antineoplásicos e inmunomoduladores, así como medicamentos que teñen autorizada nas súas fichas técnicas algunha condición de almacenamento manexo e eliminación de residuos específica que requira que os hospitais e clínicas veterinarias en que presten servizos dispoñan dunhas instalacións ou equipos predeterminados e persoal adecuadamente formado.

Para a subministración destes medicamentos (antineoplásicos e inmunomoduladores), será necesario dispoñer de autorización previa que contará co informe da Xefatura Territorial da Consellería competente en materia de protección e benestar de animais de compañía da provincia en que se atope situado o centro veterinario.

O segundo dos procedementos refírese á presentación dunha comunicación previa ante a Consellería de Sanidade que lles outorgará o dereito a que lle sexan subministrados medicamentos de uso humano de utilización exclusivamente hospitalaria distintos dos anteriores.

O decreto recolle, tamén, as obrigas que deberán cumprir os profesionais implicados nos procedementos regulados e as responsabilidades en que poidan incorrer no caso de incumprimento, tendo en conta que serán as oficinas de farmacia as únicas que poidan subministrar estes medicamentos. Así mesmo, recóllese a aplicación dun réxime sancionador.

Tras a administración dos medicamentos, a persoa veterinaria responsable deberá rexistrar os datos do animal ao que lle foron administrados (especie e identificación individual), a identificación da receita (número de receita, nome e número de colexiado do veterinario que a expediu) e os datos da persoa propietaria do animal (nome, apelidos e dirección), así como a cantidade de medicamento empregado.

Quedan excluídos deste procedemento, e por tanto non serán accesibles para o uso veterinario, aqueles antimicrobianos reservados para o tratamento de determinadas infeccións en seres humanos (p.ex. antibióticos que por problemas de resistencias, estean catalogados pola Axencia Europea do Medicamento como de uso restrinxido).

Tamén se fará un seguimento e control sobre os medicamentos dispensados para uso en veterinaria e que están autorizados para a estimulación da eritropoiese por tratarse de medicamentos de control na loita contra a dopaxe. Neste caso, os profesionais veterinarios quedan obrigados a presentar unha declaración anual do número de envases subministrados.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud