O SERGAS REALIZA A PRIMEIRA INTERVENCIÓN CIRÚRXICA DE GALICIA DUN PACIENTE CON TOC NO HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 02 2024

Os servizos de Neurocirurxía, Psiquiatría e Anestesioloxía da Área Sanitaria de Vigo realizaron a primeira intervención cirúrxica en Galicia para o tratamento,mediante neuroestimulación cerebral profunda, dun paciente con Trastorno Obsesivo Compulsivo refractario.

A operación foi un éxito e a paciente, unha muller de 51 anos da comarca viguesa, está dada de alta e evoluciona sen complicacións.

O Trastorno obsesivo-compulsivo (TOC) é un trastorno psiquiátrico complexo que pode ocasionar un grave deterioro clínico, funcional e social á persoa que o padece. Segundo afirma o psiquiatra Raúl Vázquez-Noguerol “a neuroestimulación cerebral profunda é unha opción para aqueles pacientes nos que os tratamentos convencionais  fracasaron. A día de hoxe está constatada a súa eficacia, cuns resultados espectaculares, rexistrando unha significativa redución dos síntomas clínicos e cunha melloría dun 70%, que é un índice moi alto para estes pacientes, xa que pode diminuír o sufrimento que a enfermidade lles causa, e permitir mellorar o seu funcionamento social e incluso  reincorporase ao mundo laboral”.

Implantación de 2 eléctrodos

As persoas con TOC teñen un circuíto cerebral reverberante no lóbulo frontal, que se caracteriza por unha hiperactividade e hiperconectividade neuronal; isto é, as conexións neuronais funcionan máis intensamente do que deberían. Esta actividade reverberante pode ser modulada por diversas sinais, tanto excitatorias como inhibitorias, o que posibilita un control preciso sobre a duración e intensidade desa actividade neuronal. 

Os neurocirurxiáns que coordinaron a operación, Pablo Sousa e Laura Serrano, explican que “a intervención consiste na implantación de dous eléctrodos profundos, un en cada hemisferio cerebral, dun xeito minimamente invasivo, a través de pequenos orificios no cráneo. Estes eléctrodos están conectados a unha batería subcutánea que situamos baixo a clavícula do paciente, e producen impulsos eléctricos nunha diana moi concreta do cerebro.  O resultado é que estas descargas inhiben o circuíto cerebral. En definitiva, o obxectivo é reducir ao máximo a sintomatoloxía do trastorno, cambiando a actividade cerebral dun xeito controlado”.

A día de hoxe, esta operación só se realiza en oito hospitais de España. ”Trátase dunha intervención con certa dificultade, xa que son necesarios moitos requirimentos técnicos na súa planificación e desenvolvemento, así como da incorporación do TAC intraoperatorio”-asegura o Dr. Sousa.

Sen embargo, para o paciente é unha técnica segura, sendo moi raras as complicacións serias, cun postoperatorio sinxelo, escasos efectos secundarios e unha rápida recuperación.

Selección rigorosa do paciente

O Trastorno obsesivo-compulsivo (TOC) caracterízase pola presencia de obsesións e compulsións (condutas recorrentes e esterotipadas) de xeito continuado no tempo, o que provoca no paciente un alto nivel de ansiedade. Trátase dunha doenza que interfire moito na vida diaria de quen a padece e cursa cun gran sufrimento emocional, chegando a ser incapacitante. A súa prevaleza é de 2-3% da poboación xeral. 

Segundo a gravidade do TOC, os pacientes reciben un tratamento combinado  farmacolóxico e psicoterápico. No caso do TOC grave, entre un 20-40% deste pacientes non responden aos tratamentos, sendo a terapia cirúrxica a única opción. 

Así, a neuroestimulación cerebral profunda ten unhas indicacións moi concretas, polo que a selección dos pacientes é moi rigorosa, pasando por un comité  clínico que realiza a avaliación. Os principais criterios selectivos son: que o impacto funcional da enfermidade sexa grave, con gran repercusión na vida do doente; e que o TOC sexa refractario, con fracaso dos tratamentos convencionais.

Tras os bos resultados desta primeira intervención, o equipo do Cunqueiro xa ten planificada a segunda operación e “prevemos realizar entre quince e vinte intervencións anuais, e temos o obxectivo de que este hospital convértase no centro de referencia galego para o tratamento cirúrxico  desta patoloxía”, conclúe Pablo Sousa.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud