COMESAÑA PON EN VALOR A ESTRATEXIA GLOBAL DE XESTIÓN DO CANCRO EN GALICIA QUE FAI FINCAPÉ NO ÁMBITO DA PREVENCIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 02 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, remarcou hoxe as medidas postas en marcha pola Xunta no marco da súa Estratexia global de xestión do cancro, “que fai fincapé no ámbito da prevención”. Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria no acto de inauguración do VI Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión, no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente, “a correcta implantación dunha estratexia de medicina personalizada do cancro é un desafío e un reto”. 

Ao respecto subliñou que Galicia está a implantar a súa Estratexia de Oncoloxía de Precisión, presentada a finais do pasado ano, que permite establecer decisións en función das características moleculares do tumor de cada paciente. Un dos obxectivos desta iniciativa foi a constitución dun comité molecular de tumores central autonómico, “que xa comezou a funcionar”.

Nese avance por proporcionar tratamentos personalizados a cada doente, Comesaña dixo que a Consellería puxo en marcha o Centro de fabricación de terapias avanzadas, entre as que se atopan os fármacos CAR-T, para a produción de medicamentos de alto impacto clínico e asistencial que, nalgúns casos, acadan taxas de resposta do 80%,  “situando a Galicia na vangarda da investigación”.

Outro aspecto importante destacado polo conselleiro no marco desta estratexia global de xestión do cancro é o Proxecto Xenoma Galicia, que é a iniciativa da Xunta para secuenciar o xenoma de máis de 400.000 cidadáns e, deste xeito, “poder detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticalas de xeito precoz e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados”.

Xunto ao anterior, Comesaña remarcou que Galicia é pioneira na introdución e extensión dos programas de detección do cancro. Así, nesta lexislatura, a Xunta completou a implantación dos programas de detección do cancro de cérvix e ampliou o rango de idade do de mama, e na próxima vai implantar os cribados de pulmón e próstata, “cuxos pilotaxes comezarán nos primeiros cen días do novo goberno”.

Na súa intervención no acto, o conselleiro subliñou o traballo realizado polos organizadores das xornadas, e felicitou aos coordinadores do simposio, os doutores Sergio Vázquez, do Hospital Universitario de Lugo, e Joaquín Casal e Martín Lázaro, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, por confeccionar un programa de tan alto nivel científico.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud