OS UNIVERSITARIOS GALEGOS REALIZAN 2.234 DOAZÓNS DE SANGUE DURANTE A PRIMEIRA FASE DA CAMPAÑA UNIVERSITARIA PROMOVIDA POR ADOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 02 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), amosa o seu agradecemento a toda a comunidade universitaria, pola súa participación na primeira fase da campaña de doazón nos sete campus galegos, e que supuxo acadar unha cifra de 2.234 doazóns, das cales 800 (un 35,8 %) correspondían a persoas que doaban por vez primeira.

ADOS comeza o 27 de febreiro a segunda fase da campaña universitaria de doazón de sangue, que se prolongará ata o vindeiro mes de abril, marcándose como obxectivo o fomento da doazón na comunidade universitaria, así como renovar a base de doantes e superar as 4.453 doazóns recollidas no pasado curso académico.

A seguinte táboa recolle a distribución da participación nos sete campus galegos durante a primeira fase da campaña do curso académico 2023-24, así como o número de novos doantes:

CAMPUS

DOAZÓNS

NOVOS DOANTES

A CORUÑA

475

179

FERROL

135

47

LUGO

193

80

PONTEVEDRA

183

67

OURENSE

200

53

SANTIAGO DE COMPOSTELA

613

208

VIGO

435

166

TOTAL

2.234

800


Primeira doazón

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra a importancia que ten o desenvolvemento das campañas de doazón no eido da educación, tanto en centros educativos non universitarios como universitarios, xa que, para moitos rapaces e rapazas, é o primeiro contacto que teñen co solidario xesto da doazón de sangue. 

Doazón de medula ósea

Esta iniciativa, que se prolongará ata o vindeiro mes de abril, é posible grazas á colaboración que brindan os reitores das tres universidades, así como os decanos e directores de todos os centros educativos, membros da comunidade universitaria (PAS, alumnos e alumnas...)

Nas xornadas previas ao desenvolvemento de cada campaña, impartiranse charlas didácticas e distribuirase material informativo cos requisitos precisos para doar, e a data e lugares onde poder participar. 

Ademais, ao longo desta segunda fase vaise a levar a cabo unha intensa campaña de información, sensibilización e de captación de doantes de proxenitores hematopoéticos, tamén coñecidos como  medula ósea, en centros docentes universitarios e non universitarios, comezando na Facultade de Enfermería da USC, en Santiago de Compostela.

ADOS reitera o agradecemento a todos os membros da comunidade universitaria pola súa colaboración, ao tempo que tamén agradece o seu compromiso co labor educativo e de sensibilización que se levan a cabo nas universidades. Neste sentido, lembrar que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue colabora coas universidades noutras iniciativas, como a realización de visitas formativas por parte dos centros universitarios ata os laboratorios de ADOS, colaboración con distintos colectivos e asociacións universitarias, ou a realización de proxectos de aprendizaxe e servizo levados a cabo con distintas facultades.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud